Avanza a creación das Comunidades Enerxéticas Rurais en Galicia e en Estonia
Paso a paso, reunión a reunión, o consorcio de EC4RURAL continúa avanzando no camiño cara á constitución das Comunidades Enerxéticas Rurais nos dous proxectos piloto, Galicia e Estonia. Desde o seu inicio en setembro de 2023 ata a actualidade —xa preto do ecuador da fase de execución—, o nivel de implicación dos concellos varía así como tamén o fai o nivel de desenvolvemento de cada iniciativa.
Grupo impulsor e Grupo tractor
En Galicia, froito dos primeiros encontros, os concellos que contan cun “Grupo impulsor” formalizado son Mazaricos, Muras, O Rosal, Tomiño, O Valadouro e Vedra. Pola súa banda, os concellos de Entrimo, Moeche, Muíños, Sober, Vilasantar, Silleda e Outes teñen dado un paso máis, ao conformar o Grupo tractor, integrado pola veciñanza, o concello e outros axentes sociais. Este grupo constitúese a través dunha asociación legal que serve de vehículo xurídico para a Comunidade de Enerxías Renovables (No caso de Outes, esta asociación aínda non está formalmente constituída).
En Estonia, e respectivamente, os municipios con “Grupo impulsor” formado son Alutaguse, Põltsamaa, Tori e Viru-Nigula. En Elva, Hiiumaa, Järva, Lääne-Harju, Saku, Rõuge, Türi e Viimsi veciños e gobernos xa deron o seguinte paso ao constituír legalmente o “Grupo tractor” e a asociación que impulsará cadansúa comunidade enerxética.
Estudo enerxético e económico de viabilidade
Como seguinte paso, unha vez conformados os 7 Grupos tractores do Piloto galego, o consorcio de EC4URAL, realizou un estudo enerxético e económico de viabilidade de cada comunidade enerxética. Nese documento analízase o potencial social, técnico e económico da implantación da instalación fotovoltaica. Inclúe ademais información sobre consumos e coberturas dispoñibles, así como unha estimación das achegas económicas a realizar por cada socio.
Fonte: web do Programa EC4RURAL, nova do 23 de maio 2025
[ A Unión de Cooperativas EspazoCoop é entidade socia do proxecto EC4Rural liderado pola Universidade de Vigo]
Leave A Comment