As escolas cooperativas galegas reúnense para debater o futuro do ensino no 4º Congreso Galego do sector

 

O encontro, organizado por EspazoCoop e ACES-Galicia no marco do Ano Internacional das Cooperativas 2025, pon en valor o ensino cooperativo como modelo educativo e empresarial sostible

O 4º Congreso Galego de Cooperativas de Ensino tivo lugar o sábado 15 de novembro no Hotel Carlos I de Sanxenxo cunha participación de preto de 100 persoas inscritas, pertencentes a 14 cooperativas de ensino de toda Galicia e a entidades sindicais do sector educativo.

O Congreso está organizado por EspazoCoop e ACES-Galicia, co apoio da Rede Eusumo, e enmárcase na celebración do Ano Internacional das Cooperativas 2025, co obxectivo de poñer o foco no ensino cooperativo como unha fórmula viable, sostible e competitiva, alternativa ao modelo privado tradicional, que combina calidade educativa, democracia interna e mellora das condicións laborais do profesorado.

O encontro foi inaugurado ás 10:00 horas por Jesús Manuel Álvarez Bértolo, director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia; Natividad Parada Pérez, concelleira de Educación do Concello de Sanxenxo; Ana Olveira Blanco, presidenta da Unión de Cooperativas Galega EspazoCoop; e Miguel Anxo Filgueira Touriño, presidente da Asociación de Centros de Ensino de Economía Social de Galicia (ACES-Galicia).

Para Ana Olveira, “o ensino cooperativo demostra cada día que é posible construír escolas onde o profesorado decide, participa e se corresponsabiliza do proxecto educativo, e onde o alumnado e as súas necesidades están realmente no centro”. “Falamos dun modelo que xera emprego digno, arraigo no territorio e innovación pedagóxica dende os valores da cooperación”, subliñou.

Pola súa banda, Miguel Anxo Filgueira destacou que “os centros de ensino de economía social levan anos demostrando que se pode ofrecer unha educación de calidade, sostida con fondos públicos, apostando pola participación, a estabilidade dos equipos e a mellora continua”. “Este Congreso permítenos compartir experiencias e reforzar unha rede de escolas que entende a educación como un servizo á comunidade e non como un negocio”, engadiu.

A clausura terá lugar ás 18:00 horas e contará coa participación de Marta Mariño Regueiro, Directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da. Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e Miguel Anxo Filgueira Touriño, presidente da Asociación de Centros de Ensino de Economía Social de Galicia (ACES-Galicia).

Retos actuais e fortalezas do ensino cooperativo

Ao longo da xornada, o Congreso está a abordar os principais retos das escolas cooperativas galegas, dende a organización interna e a participación ata a atención á diversidade, a innovación educativa, a busca de fontes de financiamento de base ética e a mellora das condicións de traballo do profesorado.

O programa combina espazos de reflexión estratéxica con dinámicas prácticas, co obxectivo de compartir experiencias entre centros, identificar necesidades comúns e reforzar as alianzas dentro do sector da economía social no ámbito educativo.

Programa da xornada

4º Congreso Galego de Cooperativas de Ensino

Sábado 15 de novembro // 10:00 – 18:00 horas

Hotel Carlos I de Sanxenxo

09:00 h Recepción e acreditación das persoas participantes

Mañá

  • Benvida institucional e apertura do Congreso
  • Relatorio marco sobre a identidade e o futuro da escola cooperativa
  • Grupos de traballo simultáneos sobre:
    • financiamento ético para cooperativas de ensino
    • atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

Tarde

  • Grupos de traballo simultáneos sobre:
    • técnicas e ferramentas para mellorar a organización interna dos centros e a participación
    • experiencias de xestión de escolas infantís 0–3 vinculadas a cooperativas de ensino
    • Visita e intercambio no espazo de stands expositores ao longo de toda a xornada

18:00 h Clausura institucional do Congreso, coa participación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ACES-Galicia e a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop.

Stands para conectar escola cooperativa, provedores e cooperativas

O Congreso complétase cun espazo de stands expositores, que serve de punto de encontro entre centros de ensino cooperativos, entidades provedoras como editoriais, as cooperativas Miudiño, xogo e cultura para naturalizar a infancia, Aventeira, educación e lecer, A Milpa do Salnés, produción ecolóxica de hortalizas e millo autóctono, e Simbiosis, formación, seguridade alimentaria e nutrición, tamén outras empresas que ofrecen servizos como catering e limpieza. Este espazo expositivo permite crear sinerxías, coñecer novos recursos e servizos e visibilizar o tecido cooperativo vinculado ao ensino e á economía social, tanto en Galicia como noutras comunidades.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Sobre ACES-Galicia

A Asociación de Centros de Ensino de Economía Social de Galicia (ACES-Galicia) é, dende 1998, a entidade patronal que representa e defende os intereses dos centros de ensino que funcionan en réxime de cooperativa e baixo outras fórmulas de economía social perante a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional nas mesas de negociación do sector, xunto co resto de entidades patronais e sindicais do ensino concertado.