A Unión de Cooperativas defende optar aos Fondos Europeos de Recuperación ante a presión da pandemia na economía cooperativa galega
02/11/2020
- A presidenta da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop reuniuse esta mañá en Santiago coa conselleira de Emprego e Igualdade, trasladándolle a importancia de apostar polos Fondos do Plan de Recuperación nos que os proxectos cooperativos podería participar co fin de aumentar a xeración do emprego.
- EspazoCoop é a maior asociación de cooperativas en Galicia, representa a máis de 200 empresas cooperativas con 2.452 cooperativistas.
Na reunión das dirixentes da Unión de Cooperativas EspazoCoop coa Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, trataron os Fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia nos que se confirma que poderá participar o sector da economía social e polo tanto o cooperativismo como o seu modelo empresarial ‘estrela’. Os proxectos a presentar a estes fondos deben ser transformadores e enmarcarse dentro das 10 políticas tratoras que marca o Plan, asemade serán valoradas as alianzas público-privadas.
Ana Olveira, presidenta da Unión de Cooperativas, trasladoulle á conselleira os proxectos de EspazoCoop e a relevancia que teñen as cooperativas na nosa comunidade. Referiuse ao cooperativismo como a fórmula empresarial máis importante da economía social que está presente en todo tipo de actividades xerando autoemprego de calidade e creando cohesión social, que ven mostrando en repetidas crises e ocasións a súa capacidade de resistencia, adaptación e recuperación aos choques adversos.
Falou de como este modelo é unha ferramenta útil e de peso contra a perda de emprego, que ten moito que aportar en proxectos da axenda rural contra a despoboación, nas transformacións empresariais de empresas en crise ao cooperativismo, ou no campo dos novos coidados.
Olveira trasladou as demandas de EspazoCoop en axenda, vinculadas con dotar de maior visibilización o cooperativismo e potencialo como un sector e axente clave de interlocución, e tamén plantexou a necesidade de impulsar medidas de apoio ás cooperativas ou a abordaxe de reformas lexislativas (Lei de Cooperativas de Galicia).
Entre as demandas transmitidas no encontro, as dirixentes da Unión de Cooperativas, falaron da preocupación porque as cooperativas sen ánimo de lucro, unha empresa máis con impacto no emprego, podan ser recoñecidas e tratadas en igualdade de condicións nas administracións, como outras cooperativas e empresas, sen verse afectadas e perxudicadas nas actividades que realizan no ámbito educativo, social ou cultural, por distintos tipos de agravios comparativos que se veñen producindo.
Por último, a presidenta da Unión, destacou o papel que ten o cooperativismo de traballo no fomento e potenciación da igualdade de xénero, porque se trata dun modelo empresarial de xetión democrátiva e horizontal, onde as mulleres poden desenvolverse máis facilmente en igualdade de condicións e mesmo acceder a responsabilidades directivas.
Ana Olveira tamén agradeceu á conselleira de Emprego e Igualdade a reunión, que supón a primeira toma de contacto para sentar as bases da relación con esta administración, e manifesta a disposición de EspazoCoop a colaborar co novo departamento da Xunta de Galicia.
2.452 socias cooperativistas, 200 empresas cooperativas e máis de 65 millóns de facturación.
As cooperativas integradas en EspazoCoop sitúanse no marco dunha cultura de traballo basada nos valores e principios cooperativos, nunha xestión democrática, e nas persoas. Son 1.224 socias traballadoras e 1.228 persoas socias de consumo, das cales o 58,17% son mulleres.
A distribución das cooperativas afiliadas por tipoloxía é: 168 cooperativas de traballo, 26 de cooperativas de ensino, 5 cooperativas de consumo, 1 cooperativa de explotación comunitaria da terra.
A Unión conta ademais con 2 sectoriais, a Sectorial de cooperativas de Ensino e a Sectorial de cooperativas do ámbito Cultural (28 cooperativas), un importante grupo de cooperativas sen ánimo de lucro (20), e ten abertas 3 oficinas en Galicia: na Coruña, Santiago e Vigo.
EspazoCoop é un punto de información e asesoramento en materia de creación de cooperativas en Galicia, a organización ofrece ás súas socias distintos servizos de apoio e consolidación, así como a representación que se require, EspazoCoop é interlocutora coa administración do sector cooperativo na comunidade.
A actividade da Unión de Cooperativas Galegas o pasado ano alcanzou máis de 2.000 beneficiarias, 40 entidades colaboradoras, realizou casi 80 actividades e liñas de acción que se dirixiron tanto á promoción do cooperativismo e á crear novas cooperativas, como á consolidación e representación das cooperativas en funcionamento.
——
**Na imaxe:
- Por parte da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop: Ana Olveira, Presidenta e Tino Gago, Xerente.
- Por parte da Consellería de Emprego e Igualdade: María Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade e Covadonga Toca Carús, Directora Xeral de emprego, traballo autónomo e Economía Social.