A Memoria do pasado ano da ‘Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop’ revela o papel esencial das asociacións de cooperativas
Durante a Asemblea anual 2018 do 1 de xuño, presentouse a Memoria social 2017 de EspazoCoop ás cooperativas socias, agora comunícase á cidadanía e toda a sociedade a actividade desenvolvida e o papel da Unión ao longo do último ano.
Actualmente a organización aglutina a cerca de duascentas cooperativas galegas (195), de diversos sectores de actividade, e de varias tipoloxías (traballo asociado, consumo, ensino, explotación comunitaria da terra, …). Que se enmarcan dentro dunha cultura de traballo basada en valores e nas persoas, a cultura cooperativa, que pertencen ao movemento cooperativo e o sector da economía social galega, nacional, e mundial, integrando a máis de 1.900 persoas cooperativistas. A Unión conta ademais, con dúas sectoriais, a Sectorial de Cooperativas de Ensino e a Sectorial de Cooperativas do Sector Cultural, e ten abertas 3 oficinas en A Coruña, Santiago e Vigo.
A Memoria da xestión social, amais de presentar a entidade e as cooperativas socias que integran a asociación, dá conta e resume o Plan de Traballo desenvolvido en 2017 (basado no Plan Extratéxico 2016-2019 aprobado), en eixos de traballo como :
1| Difusión, promoción, e visibilidade do cooperativismo
(máis de 1.800 beneficiarias, 44 entidades colaboradoras e máis de 70 intervencións)
2| Creación e consolidación de cooperativas
(21 proxectos pre-cooperativos atendidos, 9 cooperativas constituídas e 53 beneficiarias)
(na liña de consolidación destacaron as accións e programas a favor das cooperativas como: os Almorzos Cooperativos – 15 sesións de intercooperación, 51 cooperativas participantes -; o programa Consolida Coop – mentoring para 10 cooperativas beneficiarias – ; Bolsas de Xerencia – apoio á función xerencial en cooperativas para 6 cooperativas benefiarias -; Plan de Formación en materias cooperativas con 15 tipos de cursos, 38 accións formativas, e 630 beneficiarias; servizo de Financiamento Ético a través de Coop57; servizo de orientación e apoio na xestión das cooperativas socias – máis de 80 cooperativas atendidas -)
3| Representatividade e influencia política
( Con múltiples relacións institucionais, con axentes sociais, redes e colaboradores, nas que se traballan demandas e suxestións das socias e do cooperativismo en xeral, como pode ser a Contratación Pública Responsable, acádanse convenios e colaboración como a participación no Pacto Local polo Emprego no Concello da Coruña, particípase en organizacións cooperativas representativas de ámbito nacional e internacional como Coceta, Uecoe, Cecop, etc. , ou lévase a cabo un encontro – entrevista de presentación entre EspazoCoop e a Presidencia da Xunta de Galicia; entre outras máis que se citan na Memoria)
4| Comunicación
(destacando a habilitación de novas canles comunicativas coas socias e a sociedade, e o aumento do tráfico das mesmas)
>> Na creación, desenvolvemento e apoio do cooperativismo as unións de cooperativas xogan un papel esencial.
A Unión desenvolve e colabora en estratexias e programas que reforcen o cooperativismo, actuando como axente de intermediación nun proceso de diálogo construtivo entre as administracións públicas, o tecido socioeconómico e as persoas interesadas, co fin de mellorar a visibilidade e o impacto que ten o cooperativismo na sociedade, participando en actuacións que identifiquen a contribución do cooperativismo á sociedade, ao crecemento económico sustentable e á cohesión social, desenvolvendo a difusión de coñecemento e experiencias e apoiando redes que favorezan economías de escala.
A Unión de Cooperativas EspazoCoop, nestes momentos aglutina o maior número de cooperativas da comunidade.
Descarga: Memoria social 2017 | Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop
—
EspazoCoop é unha unión de cooperativas, unha asociación de carácter empresarial, multisectorial, e sen ánimo de lucro, que actúa en Galicia. Integra a cooperativas galegas de distintos tipos (traballo asociado, ensino, consumo, servizos …), e inspírase nos principios e valores do movemento cooperativo e da economía social e solidaria. A Unión, fai parte do movemento cooperativo galego, é entidade de referencia na comunidade, e isto permite que esté nas organizacións estatais e internacionais, onde representa ás cooperativas e potencia o cooperativismo. Ademais, ten vocación de influír na sociedade e de contribuír aos cambios sociais, porque as cooperativas son un modelo óptimo para o desenvolvemento socioeconómico dos territorios e para realizar proxectos profesionais e doutras índoles.
EspazoCoop colabora e traballa para consolidar a economía cooperativa, a que pon no centro ás persoas, a democracia, a participación, a colaboración, o desenvolvemento sostible ou a responsabilidade social.