8 de marzo, a importancia da muller na economía social no rural

 

 

O rural sen as mulleres non existiría, a importancia das mesmas é fundamental mais tradicionalmente o recoñecemento ao seu labor non foi o correspondente. Esta situación está mudando nos últimos anos grazas a economía social e o cooperativismo, xa que un dos nosos principios é a igualdade.

Neste 8 de marzo, Cooperativas Lácteas Unidas CLUN e Mulleres de Seu organizaron en Melide a xornada “Mulleres rurais: raíces, presente e futuro da nosa terra”, na que reuniron a unha gran representación de cooperativas, entidades da economía social e organizacións do Foro polo Economía Social Galega, entre as que estivo EspazoCoop da man da súa Presidenta, Ana Olveira.

A xornada foi inaugurada por Jessica Rey, Directora de Marketing de CLUN, e Carmen Rodríguez, Vicepresidenta de CLUN e Presidenta de Mulleres de Seu, quen agradeceron a presenza a todas as participantes. A continuación, Celso Gándara, Presidente de Foroesgal abriu o acto falando da importancia da muller na economía social e os aspectos que teñen en común as mulleres que participan nela.

A xornada continuou con Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, quen salientou que “escollemos esta forma de traballar porque as cooperativas se basean en principios, un é o da igualdade que abre as portas e nos permite romper o teito de cristal de xeito natural, accedendo a postos de responsabilidade. As mulleres tamén estamos en igualdade emprendendo, poñendo en marcha estas fórmulas democráticas de empresa, e tamén estamos no rural porque é necesario construír postos de emprego de calidade e ofrecer servizos necesarios neste ámbito, o rural ten as súas necesidades e desde a economía social dámoslles resposta”.

Despois tocoulle a quenda a Belén Rodríguez, colaboradora de Aeiga, Asociación de Empresas de Inserción de Galicia, entidades que ofrecen bens e servizos a persoas que se atopan en risco de exclusión social e laboral. “Estas empresas teñen a igualdade como principio e é fundamental xa que o 51% dos postos de traballo de persoas en exclusión están ocupados por mulleres. Atendemos as mulleres explotadas sexualmente e vítimas se violencia de xénero, buscamos oportunidades ás mulleres que así o necesitan. Mais por riba de todo, buscamos empoderalas. O ideal para o 8M dentro de 10 anos é que xa non tivera que haber empresas de inserción”.

A evolución das cooperativas agrarias

María José Manivesa, Directiva de Nós As Mulleres, Asociación de Mulleres das Cooperativas Agroalimentarias e Presidenta de Agroflor, fixo unha pequena retrospectiva da evolución da igualdade nas cooperativas agroalimentarias. Mentres que a súa cooperativa está conformada por un 80 % de mulleres, os homes ocuparon os cargos de presidentes. De feito, ela é a primeira presidenta de Agroflor. “As mulleres nas cooperativas agrarias non están nos órganos de goberno, aínda que agora están participando máis. Hai avances, mais chegan despacio. Historicamente as mulleres que querían emprender, mercar e vender gando non podían asinar, como a miña avoa María que coñecendo o oficio de compravenda de gando quería encargarse ela dese traballo pero precisaba da sinatura do seu marido tanto para vender como para comprar. Na actualidade esta situación mudou, pero non hai infraestruturas aínda para os coidados no rural, é moi importante ter a posibilidade de poder combinar estas tarefas co traballo, por iso asociacións como as nosas son imprescindibles para reivindicar e lograr fornecer estes servizos”.

Tecer redes

Tamén tivo presenza nesta xornada a visión local das mulleres de Melide da man de Aurora Fernández, Presidenta da Alecrín, Asociación de Mulleres Rurais da Comarca de Melide que falou da “importancia da unión. A unión fai a forza, temos que seguir tecendo redes como hoxe aquí. Temos que salvar os atrancos que podan ter as mulleres polo feito de selo, ninguén pode roubarnos os nosos soños nin os nosos dereitos, a suor das mulleres do rural ten o mesmo valor que o do home, porque no rural traballamos xuntos. E digámolo claro, a conciliación non existe, son as avoas”.

Os centros especiais de emprego tamén tiveron representación coa presenza de Silvia Allende e José Antonio Vázquez Freire de Cegasal, Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais sen Ánimo de Lucro, quen salientaron que “a igualdade e a atención á discapacidade teñen obxectivos moi parecidos, ainda así os plans de igualdade son moi importantes tamén nas empresas de persoas con discapacidade. A economía social máis que un traballo é un xeito de vida, e temos que mudar que as mulleres teñan unha presenza do 23 % nos cargos directivos. E tamén temos que reivindicar o papel dos homes nesta loita pola igualdade”.

As últimas participantes desta xornada foron as mesmas mulleres que a inauguraron, Carmen Rodríguez nunha improvisada entrevista feita por Jessica Rey, quen relatou como naceu Mulleres de Seu. Estando traballando en Feiraco foi a encargada de analizar a presenza das mulleres na cooperativa, e puido ver e detectar esas desigualdades, como por exemplo na formación a productores, ao que só acudían os homes. “A economía social debe xerar ese benestar social e para conseguilo é moi importante que as mulleres teñamos voz e peso na xestión das cooperativas. Mulleres de Seu non fai nada novo, as mulleres sempre tiveron peso, só que era de portas a dentro; agora se trata de que ese recoñecemento sexa tamén na vida pública. Temos moitos retos para o futuro, o primeiro, que aumente a participación nestes foros; e despois, a participación das mozas no rural. Temos que evitar que marchen, é moi importante non só traballar senón vivir no rural, recollendo o legado das nosas maiores”.

A xornada foi clausurada por Susana López Abella, Secretaria de Igualdade, e Ángeles Vázquez Mejuto, Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. Ambas dúas recoñeceron que o 8M é un día moi importante para visibilizar os logros acadados, pero tamén para lembrar os retos. “O medio de vida non pode supor un obstáculo, por iso é necesario poñer as medidas para conseguir a igualdade con políticas específicas e tamén as xerais, con medidas transversais, por iso é moi importante incidir nas poblacións rurais que teñen necesidades específicas. Non hai maior logro que poder vivir onde cada quen quere vivir. Que poder vivir e habitar o rural”.

Imaxe: Ana Olveira Blanco, Presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop, Clun, Mulleres de Seu, entidades do Foro pola Economía Social Galega, outras entidades participantes e Xunta de Galicia.

Imaxe principal: vía facebook Cooperativas Lácteas Unidas, Clun.