25 novas cooperativas en Galicia e 62 postos de traballo creados grazas ao programa +COOP de EspazoCoop
Os resultados deste programa foron presentados hoxe nunha xornada celebrada en Silleda que contou coa presenza de Farrah Lisa Meghazi, Subdirectora xeral de Economía Social da Xunta de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023. Hoxe tivo lugar en Silleda a Xornada final de presentación de resultados do programa +COOP de EspazoCoop, un proxecto que nace como apoio na creación de cooperativas e que ten o obxectivo principal de prestar servizos de apoio á cidadanía para crear empresas cooperativas e acceder con elo ao emprego, mediante a fórmula do autoemprego colectivo. Este acto contou coa participación de Farrah Lisa Meghazi, Subdirectora xeral de Economía Social da Xunta de Galicia, e Ramón Carmelo Rodríguez Padín, Director de Proxectos de EspazoCoop e Lucía Mendoza Fernández Directora Xerenta de EspazoCoop.
Este programa levouse a cabo nos anos 2022 e 2023 e o seu resultado foi a constitución de 25 cooperativas, cunha creación asociada de 62 postos de traballo. Entre estes proxectos que avanzaron ata a súa constitución hai 18 cooperativas de traballo, unha cooperativa de consumo (unha comunidade enerxética na que participan 63 persoas) e 6 cooperativas de traballo asociado xuvenís. En total atendéronse a 139 persoas interesadas en crear unha cooperativa, das cales o 55% foron mulleres.
Programa +COOP
+COOP desenvólvese a través da orientación, información, asesoramento, e o acompañamento especializado aos colectivos de persoas que queren emprender, para facer das súas ideas de negocio e actividades profesionais, proxectos cooperativos viables, económica e societariamente. O programa +COOP enmárcase na programación 2023 da REDE EUSUMO, da que EspazoCoop fai parte, e que depende da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, contado co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.
Os servizos e os procesos de atención a usurias realizados desde a Unión de Cooperativas, son reflexivos e participados, e pasan por distintas etapas antes da constitución da cooperativa, dependendo do grao de maduración do grupo emprendedor e do proxecto, polo que deseña un itinerario personalizado, a medida das necesidades.
Desde EspazoCoop sinalan que “As singularidades das cooperativas como empresas de participación e xestión democrática requiren de apoios que sexan verdadeiramente coñecedores desta fórmula empresarial para darlle as claves oportunas ao grupo emprendedor”.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.