Capitalización ou Pago Único da prestación contributiva

É unha medida para fomentar e facilitar iniciativas de emprego autónomo a través do aboamento do valor actual do importe da prestación por desemprego de nivel contributivo ás persoas beneficiarias de prestacións que pretenden incorporarse, de xeito estable, como socios traballadores ou de traballo en cooperativas ou en sociedades laborais, constituílas, ou que queren desenvolver unha nova actividade como traballadores autónomos.

Normativa e regulación:

A capitalización ou pagamento único da prestación regúlase no artigo 228.3 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social e na disposición transitoria cuarta da Lei 45/2002, do 12 de decembro, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade, modificada posteriormente pola disposición derradeira terceira da Lei 36/2003, do 11 de novembro, de medidas de reforma económica, polo Real decreto 1413/2005, do 25 de novembro, e polo Real decreto 1975/2008, do 28 de novembro.

 

  • No suposto de que un traballador ou traballadora beneficiaria de prestación contributiva por desemprego pretenda incorporarse como socio traballador a unha cooperativa, de nova creación ou en funcionamento, poderá obter o aboamento da prestación dunha soa vez polo importe que corresponda á achega establecida con carácter xeral en cada cooperativa e a cota de ingreso, no necesario para acceder á condición de socio-a. Aboarase como pagamento único a contía indicada con cargo á prestación pendente de percibir, calculada en días completos, á que se lle aplicará o importe relativo ao xuro legal do diñeiro: o 4 % ata o 31 de decembro de 2011.
  • Ademais, se non se capitaliza pola modalidade de aboamento nun só pagamento a totalidade da prestación, no mesmo acto de solicitude poderá solicitarlle á entidade xestora que aboe o importe da prestación por desemprego de nivel contributivo restante para subvencionar a cotización á Seguridade Social correspondente á actividade que se inicia. A contía da subvención será fixa e equivalente ao importe da achega íntegra da persoa traballadora á Seguridade Social ao inicio da actividade subvencionada, calculada en días completos de prestación. O dereito á subvención de cotas mantense ata esgotar a contía da prestación por desemprego, sempre que o traballador permaneza na actividade.

Requisitos

  • Ser beneficiario ou beneficiaria dunha prestación contributiva por desemprego e ter pendente de recibir na data de solicitude, polo menos, tres mensualidades.
  • Non ter feito uso deste dereito, en calquera das súas modalidades, nos catro anos inmediatamente anteriores.
  • Acreditar a incorporación como socio traballador a unha cooperativa de traballo asociado de nova creación ou en funcionamento, de xeito estable.
  • No caso de impugnar ante a xurisdición social o cesamento da relación laboral orixe da prestación por desemprego cuxa capitalización se pretende, a solicitude de pagamento único deberá ser posterior á resolución do procedemento correspondente.

Solicitude

  • Efectuarase na oficina do Servizo Público de Emprego ou na dirección provincial da entidade xestora correspondente.
  • Poderase presentar conxuntamente coa solicitude da prestación contributiva por desemprego ou en calquera momento posterior, sempre que teña pendente de percibir, polo menos, tres mensualidades e non se iniciase a actividade.
  • As persoas traballadoras que perciban a súa prestación nesta modalidade de pagamento único, non poderán volver a percibir prestación por desemprego ata que non transcorra un tempo igual ao que capitalizou as prestacións, nin solicitar unha nova capitalización mentres non transcorran, polo menos, catro anos.
  • Se non se capitaliza a totalidade da prestación pola modalidade de aboamento nun só pago, no mesmo acto da solicitude poderá pedirse o aboamento do resto para subvención de cotas de Seguridade Social. De non facerse así, a persoa traballadora non poderá solicitar con posterioridade este aboamento. Ademais, se o traballador ou traballadora só solicita a subvención de cotas de Seguridade Social, non poderá acceder con posterioridade á capitalización en pagamento único da presentación pendente de percibir.

Obrigas das persoas traballadoras

  • Percibido o importe da prestación, iniciar a actividade laboral no prazo máximo dun mes.
  • Presentar ante a entidade xestora a documentación acreditativa do inicio da actividade.
  • Destinar a cantidade percibida á contribución social obrigatoria, no caso de cooperativas ou sociedades laborais..

Documentación para presentar

  • Modelo de Solicitude.
  • No caso de incorporación a cooperativas ou a sociedades laborais xa constituídas:
    • Certificación de que se solicitou o seu ingreso nela, con indicación das condicións de traballo como socio de carácter estable, se se fixa ou non período de proba e a súa duración, ademais do importe da achega obrigatoria, a achega voluntaria, de ser o caso, e/ou a cota de ingreso (este último dato non será preciso se se solicita exclusivamente a subvención de cotas á Seguridade Social).
    • Se parte da cantidade obtida se destina a financiar a achega voluntaria, o compromiso do solicitante de que esa achega permanecerá na cooperativa o mesmo tempo que a obrigatoria, ou o mesmo tempo durante o que había percibir a prestación por desemprego na modalidade ordinaria de aboamento mensual.
  • No caso de constitución de cooperativas ou sociedades laborais de nova creación:
    • Proxecto de escritura pública de constitución e dos estatutos.
    • Memoria explicativa do proxecto do investimento que se vai realizar e da actividade que se vai desenvolver, e canta documentación acredite a súa viabilidade.
    • Se parte da cantidade obtida se destina a financiar a achega voluntaria, o compromiso do solicitante de que esa achega permanecerá na cooperativa o mesmo tempo que a obrigatoria, ou o mesmo tempo durante o que había percibir a prestación por desemprego na modalidade ordinaria de aboamento mensual.

 

Se queres mais información sobre o procedemento de solicitude de pagamento único e a constitución dunha cooperativa, en UGACOTA estamos ao teu dispor, ponte en contacto con nós.

Tamén podes chamar ao teléfono de atención ao cidadán do Servizo Público de Emprego Estatal: 901 11 99 99.

FONTE: http://www.sepe.es/contenido/ga/prestaciones/ag00e.html

Consulte o folleto informativo premendo aquí.