As cooperativas sen ánimo de lucro poden acceder ás convocatorias culturais da Deputación da Coruña.

Abriu o prazo para presentarse a liñas de subvención que financian as programacións e investimentos en relación coa cultura, e atención, porque neste edición poden presentarse todas as cooperativas sen ánimo de lucro independentemente do seu tamaño.

Esta importante novidade da convocatoria 2021 é o resultado das xestións políticas realizadas pola sectorial de cultura da Unión de Cooperativas EspazoCoop, a interlocución coa administración acadou un resultado positivo que vai repercutir no acceso ás liñas de axudas para estas cooperativas, que dentro do conxunto de socias da Unión supón un importante grupo.

Queda reflectido nas Bases reguladoras da convocatoria que establecen o seguinte: “Tratándose de asociacións constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, reguladora do dereito á asociación, deberán contar cun mínimo de 25 membros. Quedarán exentas desta obriga de mínimo de socios e socias as cooperativas sociais sen ánimo de lucro do sector cultural.” (Punto 6.10)

Son liñas de axudas para o desenvolvemento de actividades ou para a realización de investimentos, convocatorias que contan cun orzamento de 900.000 € e 300.000 € respectivamente. A través destas convocatorias concederanse axudas de até 30.000 € para as entidades de natureza cultural e até 10.000 para as actividades culturais de entidades veciñais, socioeducativas e sociais ou asistenciais.

Trátase destas axudas:

  • Subvencións ás entidades sen ánimo de lucro para realizar investimentos culturais durante o ano 2021.  Extracto Bases
  • Subvencións a entidades sen ánimo de lucro para realizar actividades culturais durante o ano 2021. ExtractoBases

Os prazos estarán abertos ata o 19 de febreiro de 2021 ás 14:00 horas.

A área de Cultura da Deputación pretende contribuír con estas convocatorias a apoiar un sector especialmente afectado pola pandemia e con esta novidade no acceso ás mesmas ábrese a oportunidade de acadar financiamento para xerar actividade cultural dende as empresas cooperativas sen ánimo de lucro.