“Xerar e madurar proxectos de intercooperación”

[6 e 19 outubro, ITINERARIO de INTERCOOPERACIÓN]



 

EspazoCoop ven impulsando durante 2022 un programa sobre procesos de intercooperación, de cara a estimular a súa práctica tratándose dun Principio cooperativo fundamental que distingue especialmente a economía cooperativa e a cultura empresarial que poden exercer as cooperativas, sumando valor, diferenciándose doutras formas de economía competitivas e máis excluíntes para as persoas e a sostibilidade da vida, e poñendo en funcionamento o apoio mutuo.

Entre as actividades que conforman o Programa ITINERARIO DE INTERCOOPERACIÓN temos previsto celebrar encontros de xeración de proxectos de colaboración entre cooperativas e outras empresas e entidades da Economía Social e Solidaria, en particular para os sectores como a cultura, ensino, asesorías, consumo, ou TIC, que xa participaron na primeira fase do Itinerario de Intercooperación.

Nesa 1ª fase, houbo oportunidade para o coñecemento mutuo, poñer en común necesidades e establecer relacións, pasos previos para facilitar un proceso de intercooperación e proxectos de colaboración entre cooperativas.

  • O xoves 6 de outubro, en horario de 9.30 a 11.30, en formato virtual, terá lugar o 1º Encontro “Xerar e madurar Proxectos de Intercooperación” , fai clic >> Programa do Encontro  | Cartel Inscrición
  • O mércores 19 de outubro, en horario de 9.30 a 11.30, en formato virtual, terá lugar o 2º Encontro “Xerar e madurar Proxectos de Intercooperación” , fai clic >> Programa do Encontro  | Cartel | Inscrición

Hai motivos para Intercooperar. Exerce a intercooperación

As cooperativas poden alcanzar un maior potencial mediante a colaboración práctica dunhas con outras, tanto no ámbito local como no internacional, no sectorial ou no intersectorial. A “intercooperación” pódese implementar dende diversas perspectivas, e dende distintas fórmulas de organización. Son moitas as experiencias de intercooperación que se teñen dado no mundo do cooperativismo e a economía social e solidaria (ESS), como un modo de funcionar natural, para alcanzar obxetivos comúns, solucionar necesidades compartidas, crear actividade económica en conxunto e xerar mercados sociais

*Saber máis, sobre o programa Itinerario de Intercooperación, neste enlace