Un novo espazo compartido para impulsar a cooperación social en Galicia

As principais entidades da economía social e do terceiro sector únense nun mesmo espazo en Compostela para reforzar o traballo en rede e multiplicar o seu impacto social.

A nova sede á que se realiza a visita coincidindo co Día da Xustiza Social, o 20 de febreiro, simboliza un modelo de colaboración baseado na inclusión, a solidariedade e a sostibilidade.

 

A Unión de Cooperativas EspazoCoop, EAPN Galicia (Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social), a Coordinadora Galega de ONG  para o Desenvolvemento e Fiare Banca Ética celebraron hoxe unha visita institucional á súa nova sede compartida en Santiago de Compostela. O acto contou coa participación de representantes da Xunta de Galicia, como Marta Mariño, Directora Xeral de Economía Social, e Arturo Parrado, Director Xeral de Inclusión Social, ademais de representantes das entidades organizadoras e doutros axentes do sector social e cooperativo galego.

Este novo espazo representa moito máis ca unha sede física; é un punto de encontro estratéxico para reforzar a cooperación e o traballo en rede entre organizacións que comparten un obxectivo común: transformar a sociedade a través da inclusión social, a economía solidaria e a xustiza global. A coincidencia desta inauguración co Día da Xustiza Social reforzou o simbolismo dun proxecto que busca crear sinerxías para dar resposta aos retos sociais e económicos de Galicia.

Un proxecto que fortalece a cooperación entre entidades sociais e económicas

A nova sede compartida simboliza un novo modelo de colaboración entre entidades que traballan por un mundo máis xusto e sostible. EspazoCoop, que representa 268 cooperativas galegas, aposta por un modelo empresarial baseado nos valores sociais e na economía solidaria. EAPN Galicia, con 160 organizacións adheridas, loita contra a pobreza e a exclusión social. A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento agrupa 47 entidades comprometidas coa solidariedade e a cooperación internacional. Pola súa parte, Fiare Banca Ética, con 290 socias entre persoas físicas e xurídicas, promove un sistema financeiro alternativo que pon no centro ás persoas e o ben común.

O proxecto tamén conta co apoio de entidades como a Fundación FABRE, Coop57 e REAS Galicia, que desempeñan un papel clave no impulso da economía social e solidaria. Xuntas, estas organizacións traballan para ofrecer solucións innovadoras aos desafíos sociais e fomentar un modelo de desenvolvemento que garanta a igualdade de oportunidades.

Un chamamento á colaboración para unha Galicia máis xusta e sostible

Durante a visita, as entidades reafirmaron o seu compromiso de continuar impulsando políticas e proxectos que garantan o benestar da cidadanía e promovan un tecido social máis resiliente e colaborativo. Pola súa banda, Ana Olveira Blanco, presidenta de EspazoCoop, destacou que “o cooperativismo galego dá un paso máis cara á consolidación dun modelo empresarial baseado na equidade e a participación, e esta sede compartida é unha oportunidade para ampliar o impacto das cooperativas na sociedade”.

Desde EAPN Galicia, a súa presidenta Ana Padro Fernández sinalou que “a exclusión social é un desafío que só pode abordarse de forma conxunta. Este espazo permítenos traballar de maneira máis coordinada para garantir os dereitos das persoas en situación de vulnerabilidade”.

María Paz Gutiérrez, presidenta da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, subliñou que “a cooperación internacional e a solidariedade son fundamentais para a transformación social. Este proxecto permítenos fortalecer alianzas entre organizacións que traballamos pola defensa dos dereitos humanos”.

Desde Fiare Banca Ética, Juan Garibi, director da sección española da cooperativa Banca popolare ética, resaltou que “un sistema financeiro ao servizo da xustiza social precisa espazos onde se constrúan alternativas éticas e sostibles ao modelo económico tradicional”.

A visita institucional concluíu cun chamamento a seguir fortalecendo a cooperación entre entidades sociais, administracións públicas e axentes económicos, co obxectivo de avanzar cara a unha Galicia máis inclusiva, sostible e xusta.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Sobre EAPN Galicia 

A Rede Europea de Loita Contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia) está formada por 35 entidades sociais, traballando desde un enfoque de dereitos pola causa común de defensa dos intereses das persoas en situación ou risco de pobreza e da súa participación comunitaria plena asi como a loita contra a desigualdade social e de xénero. Sendo un interlocutor de referencia na incidencia en políticas sociais, emprego ou vivenda, promovendo a participación das entidades membro e, en especial, das persoas en vulnerabilidade e impulsando o recoñecemento do Terceiro Sector de Acción Social.

Sobre Coordinadora Galega de ONGD

A Coordinadora Galega de ONGD é unha plataforma social e política de ONG de cooperación ao desenvolvemento comprometidas coa consecución da xustiza social e o fin das desigualdades globais: 47 organizacións que traballan dende Galicia en máis de 20 países de América Latina, África e Asia para construír un modelo de cooperación transformadora, baseado no desenvolvemento sustentable e no enfoque feminista e de dereitos humanos. A Coordinadora facilita ás súas socias a posibilidade de traballo en rede, asesoramento técnico e unha maior fortaleza como sector. Constitúe unha fonte fiable de información sobre cooperación, axuda humanitaria e sobre o contexto dos países do Sur Global nos que están presentes as súas organizacións. Ademais, a través de diversos programas de sensibilización, traballa na conexión da cidadanía cos valores da cooperación e os dereitos humanos.

Sobre Fiare Banca Ética

Fiare Banca Etica é unha entidade bancaria de finanzas éticas independente e cooperativa, propiedade de máis de 46.600 persoas e entidades e organizacións colaboradoras que elixiron as finanzas éticas para depositar os seus aforros e xestionar os seus investimentos ao servizo dun futuro centrado no coidado do planeta e dos dereitos das persoas.  Fiare Banca Etica é un banco innovador que se inspira nos principios das finanzas éticas: transparencia, cooperación, dereito de acceso ao crédito, eficiencia e atención ás consecuencias non económicas das accións económicas.

Sobre REAS Galicia

A Rede de Economía Social e Solidaria de Galicia agrupa a máis de 30 proxectos económicos transformadores, que están a desenvolver hoxe o modelo económico que precisamos para o futuro: orientando a actividade económica a acadar unha vida digna para todas as persoas e sostible no conxunto do planeta.