Tres socias de EspazoCoop, recoñecidas nos Premios do Día do Cooperativismo Galego 2024

 

 

 

 

Tres socias de EspazoCoop, recoñecidas nos Premios do Día do Cooperativismo Galego 2024.

A Morada Nosa, S. Coop. Galega, Árbore Consumo Consciente S. Coop. Galega e o Colexio Mendiño S. Coop. Galega foron recoñecidas nos Premios á Cooperación 2024 que se entregarán o sábado 6 de xullo na celebración polo Día do Cooperativismo.

Os Premios á Cooperación 2024, recoñeceron a dúas cooperativas socias de EspazoCoop, A Morada Nosa, S. Coop. Galega e Árbore Consumo Consciente S. Coop. Galega, cos galardóns de Premio ao mellor proxecto cooperativo novo e Premio aos valores cooperativos, respectivamente, ademais dun centro escolar asociado á Unión, o Colexio cooperativo Mendiño, cun Accesit na modalidade: Proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

A Morada S. Coop. Galega, un espazo de encontro, un lugar de lecer, asesoramento, formación e moito máis para mulleres

A Morada S. Coop. Galega, galardoada co Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, é unha cooperativa sen ánimo de lucro no eido social en Vigo, ofrecen ás mulleres un espazo de encontro, un lugar de lecer, asesoramento e formación, conectado coa comunidade e onde os coidados están no centro. Teñen unha ampla oferta de obradoiros de todo tipo, dende baile galego a ioga, de periodicidade regular ademais de outras propostas puntuais que ofertan ao longo do ano, como escrita creativa, sexualidade, autoetnografía, moda reciclada ou bordado feminista. Tratan de dar cabida a unha ampla oferta de propostas que responden a diferentes necesidades do seu público, especialmente das súas veciñas. Pero tamén buscan  promover actividades innovadoras ou pouco habituais que abran outras maneiras de estar na vida.

Tamén organizan eventos, son un espazo aberto ás propostas de mulleres e colectivos que realizan proxectos culturais e artísticos de diferente índole, prestando especial atención aos que están empezando e aos colectivos con menos posibilidades de visibilización. Conciben os coidados e o benestar social como algo colectivo. Así van medrando os Patios de veciñas, espazos onde tecer vínculos onde se partillar experiencias comúns, preocupacións, soños e vida, construíndo vínculos poderosos que son semente de futuro.

 

Desde A Morada salientan que elixiron o cooperativismo “porque é a fórmula que mais se adapta á nosa forma de ver o mundo: establece relacións horizontais, onde o principal somos as persoas e onde podemos darlle espazo e tempo aos coidados e a xestión emocional. Podemos establecer as condicións de traballo idóneas para o noso desenvolvemento persoal e para a rede de mulleres que están a formar parte deste patio de veciñas”.

Árbore Consumo Consciente S. Coop. Galega, máis de vinte anos ofrecendo alimentos e produtos de calidade

Árbore Consumo Consciente S. Coop. Galega foi recoñecida co Premio aos valores cooperativos. Trátase dunha cooperativa de consumo con sede na rúa López Mora, 30 (Vigo), na súa tenda tanto as socias coma o público en xeral poden atopar produto fresco, ecolóxico e de tempada (preferentemente froitas e verduras de orixe local), a granel (alimentos e tamén produtos de limpeza e hixiene), e de comercio xusto.

Mais Árbore “é máis ca unha tenda e queremos que a xente a vexa así. Estamos integradas na vida do barrio e sempre buscamos usar o noso local social para traballar dende o colectivo. Os retos de cara ao futuro teñen que ver principalmente con seguir distinguíndonos daqueles que só practican greenwashing e non teñen asumidos estes principios de poñer a vida no centro a través do consumo responsable e a soberanía alimentaria. Para conseguilo estamos traballando na posta en marcha dunha tenda en liña cun servizo de entrega, para poder ofrecer tamén os nosos produtos a veciñas doutros barrios de Vigo”, sinalan desde a cooperativa.

Entre os valores que practican están os principios da economía social e solidaria: a equidade, o compromiso coa contorna, as condicións de traballo dignas, a cooperación, a sustentabilidade ecolóxica e a repartición xusta da riqueza. Estes principios tamén son moi compatibles coa fórmula cooperativa. Ademais, preocupánse polos dereitos dos animais e teñen moitos produtos aptos para persoas vexetarianas e veganas e, na tenda, só se atopan produtos de orixe animal que non implican o seu sacrificio (mel, ovos, lácteos…).

Proxecto SalingDog do Colexio Mendiño S. Coop. Galega, unha solución de economía circular

O Colexio cooperativo Mendiño foi distinguido cun Accésit na modalidade Proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial polo seu proxecto SalingDog, unha solución de economía circular dando unha segunda vida ás velas de spinnaker, fabricando artesanalmente traxes caninos pregables. Estes impermeables preséntanse nunha ampla gama de cores vibrantes; son duradeiros, antifúngicos e resistentes aos raios uva; forrados de tea de neopreno para ofrecer confort.

No estado existe unha longa tradición na práctica do deporte náutico de vela de competición. Actualmente, en España compiten aproximadamente 13.000 veleiros que xeran un residuo anual de 64.000 velas. Os compoñentes das mesmas son microplásticos cuxa incineración provoca graves danos ao noso planeta, xa que as velas de carbono e kevlar non arden nin se desintegran e acaban almacenadas en velerías, clubs náuticos ou vertedoiros municipais. A isto engádese que a industria téxtil das mascotas non é sostible porque utiliza microplásticos e principalmente, fabrícase en China.

En SailingDog están comprometidos coa produción e o consumo responsable porque reutilizan velas  en desuso dándolles unha segunda vida. “Promovemos a acción polo clima, a saúde e o benestar porque contribuímos a reducir o CO2 que xera a incineración das velas e a pegada de carbono que deixa a industria téxtil canina, mellorando o aire que respiramos, fomentamos a economía circular, contribuíndo así a crear cidades e comunidades sostibles e apostamos polo traballo decente e crecemento económico porque estamos comprometidos co traballo artesanal e digno” explican as persoas integrantes do proxecto.