UGACOTA en colaboración co Concello da Coruña organiza o Seminario Oportunidades de Emprego a través da Economía Social e das Novas Economías”, o venres 16 de decembro no Centro Cívico Os Mallos da Coruña, entre as 9.30 e ás 19.30 h.

Como sociedade temos desafíos que os sistemas económicos establecidos non conseguen solucionar. Isto provoca fortes desequilibrios, a nivel social e ambiental, e poñen en risco a sustentabilidade do planeta.

Ante as limitacións deste modelo existen outros, como a Economía Social, a Economía Solidaria, a Economía do Ben Común, ou a Economía Colaborativa que comparten factores como a prioridade das persoas e a sustentabilidade, ademais de características diversas que queremos dar a coñecer e avaliar.

Con este seminario daremos a coñecer realidades económicas e oportunidades de emprego no ámbito da economía social e das chamadas novas economías (a economía do ben común, a economía solidaria, ou a economía colaborativa…).

Divulgaremos as súas características diferenciadoras, os principios de funcionamento, e as entidades e organizacións que forman parte dela. Tamén amosaremos exemplos, boas prácticas, e casos reais de éxito ou de referencia, vencellados á Economía Social e ás Novas Economías.

E como non? reflexionaremos se estas novas economías poden ser unha opción real ao modelo económico predominante, ou un referente ao que aspirar e que poder aplicar. Debatiremos que papel poden xogar no emprego e nas condicións laborais e de vida das persoas, entre outras reflexións e diálogos que poidamos establecer ao seu redor.

Accede á web do Seminario: aquí.  Podes inscribirte a través dela, consultar o programa, coñecer ás persoas relatoras, etc.

Programa aquí – Cartel aquí

Esperámoste o venres 16 de decembro, gustaríanos contar coa túa presenza neste foro.

 

Esta actividade está no marco dun Convenio entre a Unión e o Concello da Coruña,  esta colaboración permite desenvolver o Programa “Creación de Emprego a través da Economía Social” durante o último trimestre deste ano 2016.