Presentada a Academia Factoría da Economía Social “ESPAZOCOOP – IMPULSA”
A xornada de presentación da Academia Factoría da Economía Social, organizada pola Unión de Cooperativas EspazoCoop, celebrouse hoxe no Polo de Emprendemento de Vilanova de Arousa cunha notable participación e interese por parte do público asistente. O evento serviu para dar a coñecer este novo programa, que busca fortalecer as habilidades das persoas emprendedoras no ámbito do cooperativismo e da economía social en Galicia.
Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, puxo en valor a metodoloxía do programa, que combina formación especializada e mentorías personalizadas: “A Academia Factoría da Economía Social, ESPAZOCOOP – IMPULSA, está pensada para acompañar ás persoas emprendedoras en todo o proceso de posta en marcha e consolidación dos seus proxectos. Está dirixida tanto a novas iniciativas empresariais como a xeración de novas liñas de negocio”.
O acto tamén contou coa presenza da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño, do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, quen destacaron a importancia destas iniciativas para impulsar modelos empresariais sostibles e con impacto social. Ademais, Marta Mariño lembrou que o Goberno autonómico pon a disposición de todo o tecido emprendedor as 15 oficinas activas por toda Galicia da Rede de polos, nas que se ofrece asesoría e acompañamento gratuíto na posta en marcha ou consolidación dunha iniciativa empresarial. Concretamente, o Polo de Vilanova, aberto en novembro do pasado ano, xa atendeu ata o de agora arredor de 90 proxectos e realizou máis de 150 titorías.
A Academia Factoría da Economía Social estableceuse co obxectivo xeral de fortalecer as habilidades das persoas e entidades emprendedoras no ámbito da Economía Social galega. Ademais, persegue diversos obxectivos específicos:
- Fortalecer as capacidades emprendedoras, a través de ferramentas para desenvolver e xestionar proxectos.
- Promover a innovación social mediante talleres e actividades que fomenten solucións orixinais para os desafíos dos proxectos.
- Mostrar de xeito práctico os pasos necesarios para emprender en Economía Social, achegando recursos e medidas de apoio.
- Analizar as necesidades para crear un proxecto viable na economía social e elaborar un prototipo do proxecto.
Durante a xornada, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer casos de éxito de proxectos acelerados por EspazoCoop con anterioridade, afondar no coñecemento das alternativas financeiras que promoven entidades de ES,, ademais de intercambiar experiencias e explorar posibles sinerxías.
O programa, que se enmarca dentro da programación 2024-2025 da Rede Eusumo e do proxecto europeo ES-Factory, iniciarase en breve cunha fase formativa en liña e sesións de mentoría especializadas.
O prazo de candidaturas está aberto ata o 27 de marzo na seguinte ligazón: Academia Factoría da Economía Social EspazoCoop Impulsa
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.
Leave A Comment