As cinco entidades máis representativas da economía social crean o Foro Galego.

O acto de inauguración xuntou en Santiago de Compostela a máis de 150 persoas e contou coa participación do Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen falou dun “acto e un día históricos”.

As cinco organizacións que conforman o Foro pola Economía Social Galega facturan no seu conxunto 1.616,5 millóns de euros e empregan, de xeito directo, a 9.276 persoas.

 

 

Dar visibilidade á economía social cara a sociedade e os principais axentes económicos, representando os seus intereses perante as diferentes institucións políticas, económicas e sociais, e  xerando as condicións adecuadas para o desenvolvemento das súas entidades a través da intercooperación e o acceso aos procesos de contratación públicos, son os principais obxectivos do Foro pola Economía Social Galega.

Esta asociación, presentouse en Santiago o 13 de marzo, foi constituida pola Unión de Cooperativas de Galicia (EspazoCoop), a Asociación de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal), a Agrupación de Sociedades Laborais de Galicia (Aesgal) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga), entidades que representan a 371 organizacións, cun volumen de ingresos de 1.616,5 millóns de euros anuais e 9.276 empregos directos.

No manifesto fundacional, cuxa sinatura se levou a cabo no acto, demándanse datos oficiais sobre a economía social en Galicia, que a saquen “da invisibilidade actual” e que lle dean a presenza acorde ó seu peso económico nos centros onde se toman decisións sobre o desenvolvemento económico, social e de emprego.

Para acadar estes obxectivos, as cinco organizacións que constitúen o Foro solicitan que as administracións públicas “aproveiten a oportunidade que posibilita a nova Lei de Contratos do Sector Público, no que respecta, de forma específica, á incorporación de cláusulas sociais e mercados reservados para centros especiais de emprego e empresas de inserción”.

Día histórico para Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, foi o encargado de inaugurar o acto, que cualificou de “histórico”, e gabou os valores que promove este modelo na procura da creación de emprego de calidade, “a través do fomento da igualdade de oportunidades, a inclusión, o desenvolvemento local ou o compromiso social e medio ambiental”.

Conde salientou que “cando se traballa con valores contribúese de xeito diferente á economía e á sociedade, “porque este sector pon en primeiro plano ás persoas e demostra que unha forma de facer empresa distinta é posible”. E destacou que no modelo produtivo que Galicia está consolidando, o traballo da man coa economía social é necesario para ser máis competitivos.

Pola súa parte, Celso Gándara, voceiro do Foro pola Economía Social Galega explicou que o Foro “non xurde da necesidade, senón do desexo de ser recoñecidos como un interlocutor máis na escea político e social de Galicia para poder influir nas políticas que nos afectan, e para comunicar á sociedade en xeral e as empresas en particular que o acto de mercar pode ter o mesmo poder que o acto de votar”.

Empresas fronteira

Celso Gándara sinalou que “somos organizacións que desenvolvemos proxectos socio-empresariais, e desenvolver ambas cousas convértenos en empresas fronteira”. Isto, continuou, significa que “realizamos a nosa actividade na fronteira entre o desenvolvemento da parte empresarial, nun mercado cada vez mais global e competitivo, e a dimensión social, baseada nos nosos principios onde a primacía das persoas e do fin social sobre o capital sírvennos de identidade e orientación”.

Esta simbiose socio-empresarial, dixo o voceiro, “articúlase a través dos nosos modelos de xestión e das nosas estratexias corporativas e de negocio, desta tensión entre principios e mercado xurde a nosa identidade e o sentido das nosas organizacións”.

Celso Gándara falou tamén da importancia da economía social galega no seu conxunto que, segundo datos oficiais, no exercicio 2014 facturou 2.800 millóns de euros e empregou, en datos do exercicio 2017, a 13.000 persoas: “Non só xeramos riqueza, senón que a distribuimos equitativamente”. Asimesmo suliñou a creación, por parte da economía social, dun “emprego de calidade, con especial preocupación polas persoas con discapacidade e as persoas en risco de exclusión social”.

Gándara rematou o seu discurso demandando “a pertenza ó Consello Económico e Social de Galicia para ter na nosa comunidade as mesmas posibilidades que o sector da economía social ten acadado na maioría das comunidades autónomas e no Consejo Económico y Social de España”

No acto interviu logo o presidente da Confederación Empresarial Española de Economía Social, Juan Antonio Pedreño, que definiu a presentación coma “o impulso definitivo para a economía social galega”. Pedreño defendeu “outra forma de facer empresa, que sexa un modelo de calidad”.

Economía centrada nas persoas

A responsable de Políticas Sociais do Concello de Santiago, Concepción Fernández, clausurou o acto cunha intervención na que destacou que “o noso desafío é o desenvolvemento dunha economía social centrada nas persoas”. A concelleira compostelá insistiu en que “o crecemento sostible só será posible con modelos económicos e empresariais centrados nas comunidades”.

Más de 150 persoas, entre autoridades, representantes empresarias, sindicais, de entidades financeiras e das universidades galegas, participaron na presentación do nacente Foto pola Economía Social de Galicia.

O pase de diapositivas require JavaScript.