O Congreso dos Deputados recoñeceu o día 26 de xuño, nunha xornada celebrada na Sala Clara Campoamor do hemiciclo, o importante papel que está desenvolvendo a Economía Social e en especial as Cooperativas no actual escenario socio económico. Este acto súmase a outras actividades que se están a celebrar por todo o mundo.
Este evento, enmarcado dentro do Ano Internacional das Cooperativas 2012, tivo como obxectivo potenciar o cooperativismo como modelo de facer empresa e dar visibilidade dentro da sociedade da esta forma de actividade económica.
O acto contou coa presenza do presidente da Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES), Juan Antonio Pedreño e o presidente da Comisión de Emprego e Seguridade Social do Congreso dos Deputados, José Eugenio Azpíroz. Ademais, tamén estivo o presidente do Congreso dos Deputados, Jesús Posada e deputados de diferentes forzas políticas do Congreso, membros da Xunta Directiva de CEPES e representantes do movemento cooperativo de toda España.
Juan Antonio Pedreño declarou durante a súa intervención que “esta celebración, supón un recoñecemento por parte de toda a comunidade internacional cara ás cooperativas como motor da economía, que responden aos cambios, que están a resistir a esta crise global e que ademais están a demostrar que son empresas de éxito, que crean empregos sostibles e estables, en todos os sectores”.
O presidente de CEPES tamén indicou que “as cooperativas axudan a construír un mundo mellor, e deben converterse nunha oportunidade sen precedentes para lanzar ao mundo mensaxes positivas, demostrando que son un tipo de empresa que poden achegar parte importante da solución á crise actual”, “poden converterse na empresa do futuro, polos seus valores e compromisos, baseados no crecemento económico e a cohesión social”, engadiu Pedreño.
En todo o mundo hai preto de 1.000 millóns de persoas membros dunha cooperativa e máis de 100 millóns de traballadores que fixeron da cooperativa unha forma de acceder ao emprego e un xeito de entender o traballo, como un feito colectivo en beneficio dun grupo de persoas.
En países industrializados como Estados Unidos, 4 de cada 10 cidadáns son membros dunha cooperativa, mentres que en Alemaña 1 de cada 4 cidadáns forma parte tamén dunha cooperativa e os bancos cooperativos teñen máis de 16 millóns de socios.
As 300 cooperativas máis grandes do mundo facturan máis de 1,6 trillóns de dólares, é dicir, un volume de facturación que as situaría como a novena economía do mundo. Ademais, as cooperativas contabilizan a nivel mundial un 20% máis de traballadores que as empresas multinacionais.
O sector financeiro enmarcado na “Economía Social” pechou unha carteira de crédito superior aos noventa e seis mil millóns de euros, un 6% máis que ao inicio da crise defendendo unha forma responsable de facer finanzas cuns valores distintivos, éticos e democráticos. Son entidades que incorren en menor medida en procesos de morosidade que a empresa tradicional e que destrúen menos emprego
Fonte: http://www.cepes.es/noticia=292