EspazoCoop participará no XX Congreso Estatal das Cooperativas de Ensino

Preto de 300 docentes, entre profesorado, orientadores e equipos de dirección de escolas cooperativas de toda España daranse cita en Valencia entre os días 23 e 25 de outubro

Entre os vindeiros días 23 e 25 de outubro celebrarase en Valencia o XX Congreso Estatal das Cooperativas de Ensino, que nesta ocasión vaise levar a cabo baixo o lema “Educación e Arte: a arte de innovar, a arte de incluír”. EspazoCoop participarán neste Congreso cunha representación do seu Consello Reitor, ademais dalgúns dos centros escolares cooperativos socios como o Colexio Abrente, o Colexio Andaina e o Colexio Mendiño.

O obxectivo desta edición é propoñer novos enfoques e compartir prácticas e experiencias innovadoras relacionadas co ensino dos ámbitos artísticos para, en liña cos postulados da Conferencia Mundial sobre Educación Cultural e Artística da UNESCO celebrada este mesmo ano, integrar máis e mellor as artes no ensino. Respóndese así á súa chamada para reforzar aínda máis as sinerxias entre a cultura e a educación como vía para construír sociedades máis inclusivas, igualitarias e resilientes.

Organizado pola Unión Española de Cooperativas de Ensino (UECoE) e a Unió de Cooperatives d’Ensenyament Valencianes (UCEV), este Congreso reunirá a preto de 300 docentes, entre profesorado, persoas orientadoras e equipos de dirección de escolas cooperativas de toda España. A cita celebrarase en varios escenarios de Valencia relacionados coas artes e coa cultura, como o Centro Cultual A Beneficència ou o Conservatorio Superior de Música, e forma parte da axenda oficial de actos de València, Capital española da Economía Social 2024.

Os centros de ensino de titularidade cooperativa representan algo máis do 12% do ensino concertado en España. Son centros que reivindican o carácter diferencial do seu modelo de “facer escola”, caracterizado pola xestión democrática dos proxectos educativos no que priman as persoas e os fins educativos, sociais e ambientais sobre os beneficios, xa que son empresas da Economía Social.

Relatorios, obradoiros, exposicións e un manifesto

O programa do Congreso inclúe relatorios, talleres, unha mostra de experiencias artísticas de escolas cooperativas, entre outros contidos. A Coordinadora Xeral de Pedagoxías Invisibles, Andrea de Pascual, pronunciará a conferencia titulada “A educación artística non son manualidades: o pensamento artístico como metodoloxía transformadora na escola”. E, doutra banda, contarase coa participación de Xavier López García, quen presentará o relatorio co título “O cooperativismo (como a poesía) é unha arma cargada de futuro”.

Ademais, agrupados en tres eixos: Corpo, Palabra e Persoas, os e as congresistas poderán escoller participar nunha serie de obradoiros multidisciplinares relacionados con diferentes expresións artísticas.

As cooperativas de ensino pretenden aproveitar tamén este Congreso para reclamar o seu papel como axentes educativos relevantes no contexto actual mediante un manifesto que se fará público durante a xornada de clausura.

Web do XX Congreso de UECoE : https://www.educart.coop/es/inicio