EspazoCoop e o Concello da Coruña salientan o impacto sostible do cooperativismo na economía local
Celebrouse a xornada “As cooperativas, empresas sostibles” na que se tratou o papel das cooperativas na construción dunha economía máis xusta, sostible e socialmente responsable.
Celebrouse no Centro Ágora da Coruña a Xornada “As cooperativas, empresas sostibles”, organizada pola Unión de Cooperativas de Galicia EspazoCoop en colaboración co Concello da Coruña. Este evento, dirixido a destacar o rol clave das cooperativas na construción dunha economía xusta, sostible e socialmente responsable, acadou un notable éxito de participación, congregando a expertos, profesionais e cidadanía interesados no cooperativismo.
Durante o transcurso da mesma, presentáronse as accións a favor do cooperativismo realizada no Concello da Coruña ao longo deste ano, froito do convenio de colaboración asinado entre ambas dúas entidades. Entre as accións realizadas destacan as 120 horas de asesoramento e acompañamento ofrecidas a cooperativas activas, grupos promotores, empresas en crise que valoren a súa transformación en cooperativa e persoas autónomas interesadas en agrupar servizos, recursos ou investimentos. Este servizo, denominado EspazoCoop Acompaña, é flexible e adaptado ás necesidades específicas dos proxectos acompañados, cunha atención que pode ser presencial no Centro de Empresas Accede Papagaio ou en modalidade virtual durante o ano 2024. No mes de outubro xa se cubriron as horas de acompañamento, o que supón que a demanda na cidade é maior.
Tamén se realizaron dúas edicións de roteiros cooperativos, unha iniciativa orientada a centros de ensino que busca achegar ao alumnado ás cooperativas da cidade para coñecer de primeira man as súas experiencias e fomentar o emprendemento cooperativo. Cada edición permitiu visitar tres cooperativas locais, destacando o traballo destas empresas como modelo empresarial viable e sostible. Estas actividades tiveron lugar no mes de outubro e contaron con 30 participantes no seu conxunto.
Desenvolvemento da xornada
Ademais destas accións, a xornada que se celebrou tamén está enmarcada neste convenio e conta cunha participación destacada de 50 persoas inscritas. A xornada abriu cunha introdución a cargo de Claudia Rodríguez Rodríguez, socia da cooperativa Alén, S.Coop.Galega, quen destacou na súa intervención “as cooperativas teñen un papel fundamental non só na xeración de emprego, senón tamén na creación dun tecido empresarial comprometido coa sostibilidade e co benestar das comunidades onde se establecen“.
Durante a xornada, diversos ponentes abordaron cuestións como a gobernanza participativa e a autoxestión nas cooperativas, aspectos que resultan clave para avanzar cara a unha economía que poña no centro o impacto social e a mellora da calidade de vida. Houbo tamén espazo para mesas redondas onde se compartiron boas prácticas e experiencias significativas de cooperativas que están a contribuír activamente á sostibilidade local e á transición ecolóxica.
Achegas e boas prácticas
Un dos obxectivos principais do evento foi visibilizar as potencialidades do cooperativismo para dinamizar o tecido empresarial da Coruña e crear novas oportunidades de emprego. Durante as sesións, fíxose fincapé en como o modelo cooperativo ofrece alternativas viables e sostibles en ámbitos diversos, promovendo solucións innovadoras que responden ás necesidades da cidadanía.
Así mesmo, identificáronse achegas relevantes que as cooperativas realizan para a sostibilidade socioeconómica do concello, un feito que Claudia Rodríguez destacou como “crucial para construír un modelo de cidade que aposte polo benestar da súa poboación e a preservación do medio“.
Clausura institucional
A Concelleira de Emprego, Comercio e Mercados do Concello da Coruña, Diana Mª Sobral Cabanas, foi a encargada de pechar a xornada, resaltando a importancia da colaboración entre o Concello e EspazoCoop para promover a economía social no municipio. A concelleira subliñou que “ano tras ano vimos traballando de forma conxunta para promover iniciativas como esta, que contribúen á posta en valor do modelo cooperativista que hai tanto na Coruña como no conxunto da súa área”. Así mesmo, destacou a importancia que teñen para a visibilización ás e aos profesionais que apostan pola dinamización empresarial e a creación de emprego en materia de sostibilidade. “Dende o Concello estamos a dar un pulo dende o comercio, con iniciativas como os mercados ecolóxicos e sostibles que teñen lugar cada fin de semana nos barrios da cidade“.
Claudia Rodríguez Rodríguez, membro do Consello Reitor de EspazoCoop e da Confederación estatal Coceta, participou tamén no peche institucional, quen salientou o compromiso da entidade co desenvolvemento económico e social do Concello da Coruña.
Con esta xornada, EspazoCoop reafirma o seu compromiso coa promoción e consolidación do cooperativismo en Galicia como ferramenta para a transformación socioeconómica e como exemplo de desenvolvemento económico responsable e inclusivo.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas EspazoCoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.