EspazoCoop asiste ao XX Congreso estatal das cooperativas de ensino
Desde o día 23 e ata hoxe, representantes do Consello Reitor da Unión e dalgúns dos centros escolares cooperativos socios como o Colexio Abrente, o Colexio Andaina e o Colexio Mendiño comparten coñecementos con participantes de todo o estado.
Estes días estase a celebrar en Valencia o XX Congreso Estatal das Cooperativas de Ensino que reúne a profesorado, orientadores e equipos de dirección de escolas cooperativas de toda España e no que están participando representantes do Consello Reitor da Unión e dalgúns dos centros escolares cooperativos socios como o Colexio Abrente, o Colexio Andaina e o Colexio Mendiño.
Durante estes días, desenvolveuse un completo programa no que atopáronse relatorios inspiradores e obradoiros creativos que promoveron novas formas de abordar o ensino das artes. Este Congreso supón unha oportunidade de seguir aprendendo e compartindo co resto de cooperativas de ensino de España, reafirmando o compromiso dos centros escolares cooperativos coa innovación educativa e a integración das artes como parte fundamental no desenvolvemento dos nosos estudantes.
No día de hoxe leuse o seguinte manifesto da escola cooperativa:
As escolas cooperativas somos a economía social do espazo educativo. Polo feito de ser economía social, os nosos centros educativos caracterízanse por:
– A primacía nos nosos proxectos das persoas, así como dos fins educativos, sociais e ambientais, sobre os beneficios.
– A gobernanza democrática, tanto na xestión societaria empresarial como na xestión pedagóxica.
– A reinversión dos beneficios e excedentes para alcadar os nosos fins e, deste xeito, poder levar a cabo actividades en interese tanto das persoas que forman as nosas comunidades educativas como da sociedade en xeral.
POR ISO, Á VISTA DA RECOMENDACIÓN DA UNIÓN EUROPEA SOBRE O DESENVOLVEMENTO DE CONDICIÓNS MARCO PARA A ECONOMÍA SOCIAL, COMO ESCOLAS COOPERATIVAS.
Asumimos estes RETOS E RESPONSABILIDADES:
1 | Comprometernos e continuar impulsando a inclusión educativa e social nas nosas escolas, dando visibilidade a este compromiso en culturas, políticas e prácticas que promovan a igualdade de xénero e a inclusión dos grupos desfavorecidos e outros infrarrepresentados nas nosas cooperativas e nas nosas aulas.
2 | Impulsar a formación cooperativa e o emprendemento colectivo nas escolas cooperativas, mediante a incorporación de referencias explícitas ao modelo de empresa cooperativa e de economía social nas programacións dos diferentes ámbitos e materiasdo proxecto educativo dos centros.
3 | Fomentar a implicación activa das escolas cooperativas nas nosas comunidades locais, favorecendo e promovendo accións de desenvolvemento comunitario que fagan posibles procesos de transformación social nas nosas contornas.
4 | Desenvolver e reforzar a identidade das escolas cooperativas como axentes de innovación social, identificando aquelas prácticas educativas e sociais dos nosos centros susceptibles de ser catalogados como actividades de innovación social e impulsando novas accións neste campo. Fomentar a medición do impacto social da acción das escolas cooperativas, vinculando os procedementos de medida e xestión deste impacto social aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible(ODS).
5 | Establecer vías de colaboración cos ámbitos académicos e de investigación co fin de aumentar a visibilidade e o recoñecemento do cooperativismo educativo.
Reclamamos estas DEMANDAS E REIVINDICACIÓNS:
1 | Elaborar unha normativa que favoreza as transformacións de centros educativos de titularidade privada en cooperativas educativas, así como ofrecer apoio financeiro específico e desenvolvemento de capacidades para facilitar a transmisión de empresas a persoas traballadoras a través de cooperativas educativas, proporcionando servizos de acompañamento neste proceso.
2| Incorporar a proposta pedagóxica das cooperativas escolares en todos os niveis de educación regrada e incluír referencias explícitas ao modelo de empresa cooperativa e de economía social no desenvolvemento da normativa curricular das diferentes etapas educativas.
3| Fomentar no sistema educativo un asesoramento e unha orientación específicos, baseados nos principios da Educación para o Desenvolvemento Sostible, co fin de lograr a capacitación do alumnado para emprender unha carreira profesional na economía social.
4 | Recoñecer por parte das Administracións públicas os principios fundamentais, as características e o alcance do labor das escolas cooperativas como principal manifestación da economía social no ámbito educativo.
Consecuentemente, considerar ás cooperativas educativas nas accións de sensibilización e nas campañas de fomento da economía social que impulsen as Administracións.
5 | Reforzar os mecanismos e as vías de diálogo entre as Administracións públicas e as organizacións representativas do cooperativismo educativo, a partir do recoñecemento destas como redes representativas e interlocutoras válidas da economía social do espazo educativo. A participación do cooperativismo no diálogo social é clave para a elaboración de mellores políticas sociais e laborais, e tamén debe trasladarse ao mundo da educación. Iso implica asegurar a participación de dereito das entidades representativas do cooperativismo educativo nos Consello Escolares dos diferentes niveis territoriais, así como en todos aqueles espazos e órganos de participación impulsados polas Administracións para o deseño das políticas educativas, incluídos os vinculados á Formación Profesional.
6 | Concretar medidas de apoio e configurar contornas financeiras, administrativas e xurídicas favorables que teñan en conta as características propias das cooperativas educativas, como por exemplo:
- A preferencia explícita das cooperativas educativas nos procedementos de acceso ao concerto educativo.
- A concreción e desenvolvemento do financiamento dos gastos de investimento relativos a instalacións e equipamentos escolares en cooperativas educativas.
- A consideración de cláusulas que recollan o feito de ser empresas que funcionen en réxime de cooperativa entre os criterios innovadores, ecolóxicos e sociais das adxudicacións de servizos educativos mediante concurso público.
- A aplicación e adaptación ás cooperativas educativas de todos aqueles incentivos fiscais e reducións da carga fiscal que se implementen para o conxunto da economía social.
*Web do XX Congreso de UECoE : https://www.educart.coop/es/inicio