EspazoCoop abordou os retos do cooperativismo na Estratexia Galega de Economía Social

 

A Xunta de Galicia celebrou o 15 de xaneiro de 2025 a Presentación da Estratexia Galega de Economía Social (EGAES) –resultados 2024 e axenda 2025-, acto no que participou a Unión de Cooperativas EspazoCoop nunha mesa coloquio na que se analizou a economía social galega dende diferentes perspectivas. No coloquio, Ana Olveira, presidenta da Unión, abordou os retos e desafíos futuros do coooperativismo, que en 2024, rexistrou en Galicia un máximo histórico na constitución destas empresas, 190 novas cooperativas, das cales 171 son de traballo asociado.

O acto da EGAES, foi inaugurado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, que puxo en valor a aposta estratéxica do Goberno galego por fortalecer e impulsar a economía social como un motor de crecemento sustentable que xera emprego de calidade e favorece a fixación de poboación ao rural, reforzando ademais o tecido emprendedor. Fíxoo no marco da xornada de balance 2024 da Estratexia galega de economía social, un evento no que tamén se abordaron os principais retos e desafíos de futuro da man das principais entidades do sector, como Cegasal, Agaca, EspazooCoop, Aeiga, Aesgal e Foroesgal.

O impulso da economía social como motor socioeconómico, xerou 230 novas entidades e 800 empregos no último ano

O titular de Emprego destacou a importancia desta Extratexia planificada que impulsa a Xunta con horizonte en 2027 e a través da que o Goberno galego —cun orzamento global de máis de 181 millóns de euros— aspira a crear 4.000 empregos e 400 novas entidades, posicionando as fórmulas de economía social nos sectores tecnolóxico, verde e industrial. Neste marco, puxo en valor que na actualidade Galicia xa conta con máis de 3.500 entidades —entre cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas inserción—, 230 delas nacidas no último ano, que implicaron a preto de 600 novas persoas socias promotoras, a metade mulleres. Ademais, sinalou que en 2024 a economía social xerou 800 novos empregos.

Neste marco, destacou a contribución a estes resultados das diferentes medidas da Estratexia. Así, fixo fincapé nas liñas de axudas específicas para incrementar a competitividade das diferentes entidades —como as ordes Aprol Economía Social ou ou Bono consolida—, as axudas para fortalecer o tecido asociativo do sector, o continuo impulso de actividades formativas e de divulgación —nas que en 2024 participaron máis de 3.000 persoas— ou a rede Eusumo, unha iniciativa con máis dun cento de entidades adheridas e que actúa como xanela única para facilitar información, asesoramento e acceso a axudas europeas, estatais e autonómicas.

Folla de ruta 2025 para a EGAES

O titular de Emprego avanzou que para seguir nesta senda de crecemento, este ano a Xunta orzamenta á economía social un 2,8% máis que o ano pasado, acadando un investimento bianual entre 2024 e 2025 de máis de 90 millóns de euros. Entre os vindeiros retos, sinalou, sitúase o de seguir impulsando e fortalecendo o cooperativismo como un piar clave da economía galega, en liña co lema do Ano Internacional das Cooperativas, “As cooperativas constrúen un mundo mellor”. Tamén na folla de ruta deste ano está mellorar a orde de apoios aos centros especiais de emprego —un eido ao que a Xunta leva destinados máis de 126 millóns de euros nos últimos seis anos— co obxectivo de atender de xeito máis eficaz as necesidades dos beneficiarios, favorecendo a súa inserción no mercado laboral.

Ademais, sinalou que se avanzará na nova Lei de cooperativas de Galicia, lexislando e adaptando a normativa á realidade actual, co obxecto de axilizar a creación de novas entidades e de consolidar as xa existentes dándolle pulo ao Rexistro autonómico de cooperativas. Farase da man de todos os axentes implicados, apostando polo diálogo e a escoita activa, co obxectivo firme de ter aprobada a nova lei este ano.

Tamén puxo énfase no papel que xoga a economía social no marco da estratexia global de emprendemento que ten en marcha a Xunta. Así, en 2025, ademais de consolidar e reforzar os apoios chave para o sector, apostarase por favorecer as sinerxías coa rede de Polos de Emprendemento para dar a coñecer as posibilidades da economía social a través de accións concretas de promoción e difusión conxuntas para seguir xerando novas oportunidades.

A Unión de Cooperativas EspazoCoop contribúe á EGAES H27

EspazoCoop como entidade representativa do sector cooperativo galego contribúe coa súa acción aos resultados da EGAES H27 e a fixar os desafíos, faino coa súa labor de defensa e representación do sector para promover políticas favorecedoras para as cooperativas e os cambios lexislativos e normativos necesarios, cos seus servizos a prol da creación de cooperativas, como socia da Rede Eusumo, como prestadora de servizos de mellora e consolidación de cooperativas, ou mediante as actividades que desenvolve de fomento do cooperativismo.

A Unión de Cooperativas é parte fundamental e aliada do avance da EGAES que impulsa a Xunta, xunto as demais entidades representativas do sector da economía social galega, en colaboración e en permanente diálogo co Goberno galego.

Fontes: Consellería de Emprego, Comercio e Emigración – Rede Eusumo