Encontro no Culturgal:

Xunta e EspazoCoop impulsan a intercooperación no sector cultural

 

Representantes institucionais e 16 cooperativas culturais debateron sobre novas propostas e apoios para fortalecer a economía social en Galicia

A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, acolleu á mañá do día 29 de novembro un encontro organizado pola Sectorial de Cultura de EspazoCoop, no que participaron 16 cooperativas culturais galegas e representantes institucionais da Xunta de Galicia. Este evento destacou a relevancia e innovación das cooperativas culturais en Galicia, que se consolidan como referentes no sector tanto a nivel autonómico como estatal.

O encontro, celebrado no Stand da Economía Social, contou coa intervención do Secretario Xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, quen subliñou que “dende a Xunta de Galicia apostamos polo cooperativismo como modelo de xeración de riqueza e emprego que vén demostrando un crecemento importante nos últimos anos, especialmente no traballo asociado e concretamente no sector cultural. Por iso, seguiremos potenciando ferramentas como a Rede Eusumo ou ordes de axudas para promover a creación de entidades, así como a consolidación das existentes”. Esta acción -que tamén contou coa presenza da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño- enmárcase nas actividades financiadas pola Rede Eusumo para a realización de actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social.

Desde EspazoCoop, destacouse o valor diferencial do cooperativismo cultural. Segundo Ana Olveira Blanco, Presidenta de EspazoCoop, “a intercooperación é un dos principios fundamentais do noso modelo, e encontros coma este permiten explorar novas oportunidades para sumar esforzos, fomentar boas prácticas e consolidar a nosa posición como motor cultural e social en Galicia. As cooperativas culturais son punteiras grazas á súa capacidade de innovar e de xerar impacto positivo, tanto no territorio como nas persoas”.

Un espazo para a colaboración e o crecemento conxunto

Durante o evento, as 16 cooperativas participantes presentaron as súas propostas e produtos, abrindo o camiño para novas sinerxías e proxectos conxuntos. A xornada tamén serviu para debater con representantes institucionais as liñas de axudas e subvencións previstas para o 2025, así como para recoller suxestións e necesidades específicas do sector cultural.

Entre os temas abordados, destacaron as oportunidades para a promoción internacional, a creación de plataformas dixitais cooperativas e a planificación de accións conxuntas no marco do Ano Internacional das Cooperativas 2025. Estas liñas estratéxicas reforzan os obxectivos do programa de intercooperación promovido por EspazoCoop coa colaboración da Rede Eusumo, co fin de estimular a práctica da intercooperación como motor de innovación e sostibilidade.

Conclusións e compromiso de futuro

A xornada concluíu cunha dinámica de intercambio que permitiu identificar áreas clave para futuras colaboracións. Entre as propostas presentadas, destacouse a necesidade de continuar fortalecendo as redes entre cooperativas culturais e explorar novas fórmulas de organización intersectorial.

Este encontro reafirma o compromiso de EspazoCoop e das cooperativas culturais galegas co desenvolvemento dunha economía social que aposta pola colaboración e o ben común, consolidando a Galicia como un referente no ámbito cultural e cooperativo.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas EspazoCoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.