Cooruña Coopera
Na cidade da Coruña existen arredor de 70 cooperativas activas, que agrupan a máis de 2.300 socios e socias e facturan perto de 22 millóns de euros. Conforman un tecido económico fundamental na cidade, estando presentes en sectores tan diversos como o educativo, o artístico, os servizos, as finanzas, a tecnoloxía ou a comunicación.
As cooperativas son un pulmón económico básico para A Coruña, que medra cada ano e que incide positivamente tanto nas persoas emprendedoras, como nas consumidoras, como na sociedade en xeral. E aínda así, seguen a ser unhas das grandes descoñecidas.
Queres saber máis sobre esta cidade de cooperativas que é A Coruña? Segue lendo…
Que é unha cooperativa?
Unha cooperativa é unha sociedade para a realización de actividades sociais ou económicas que é propiedade conxunta de todas as persoas socias. A súa finalidade consiste en prestar servizos a outras persoas, empresas ou entidades e satisfacer necesidades e aspiracións das súas persoas socias.
Contan cunha estrutura e xestión democráticas, distribuíndose os resultados económicos en función da actividade realizada e non do capital investido na sociedade. Calquera actividade económico-social poderá desenvolverse mediante unha cooperativa.
Principios das cooperativas:
- Asociación aberta e voluntaria para todas as persoas sen discriminación de ningún tipo.
- Control democrático das persoas socias sobre todas as decisións da cooperativa.
- Participación económica das persoas socias, que controlan de xeito democrático o capital da cooperativa.
- Autonomía e independencia con respecto a outras entidades
- Educación e formación para as persoas socias e información aberta para o público en xeral.
- Cooperación entre cooperativas en estruturas locais, nacionais, rexionais e internacionais. Como por exemplo, EspazoCoop
- Compromiso coa comunidade onde operan, contribuíndo ao seu desenvolvemento sostible.
Que beneficios ten para min, como persoa emprendedora?
Na actualidade, máis de 2,2 millóns de persoas traballan na economía social ou cooperativa no Estado español, representando un 12,5% do emprego total. Este sector está en auxe continuo, con independencia dos períodos de crise ou recesión, situando a España como o 8º país da UE cun maior número de persoas empregadas nel.
Dentro do sector, as cooperativas de traballo asociado son unha das principais alternativas de autoemprego colectivo. Nacen como unha agrupación de persoas que queren poñer en marcha de xeito conxunto un proxecto empresarial baseado nos principios cooperativos e que lles garantan un posto de traballo.
Hai varias vantaxes que ten a persoa emprendedora cando decide poñer en marcha unha cooperativa:
- Pódense poñer en marcha por un mínimo de dúas persoas e un capital inicial de 3.000 €, puidendo as persoas desempregadas capitalizar o 100% da súa prestación para constituír a cooperativa.
- Fiscalmente, as cooperativas son entidades especialmente protexidas, contando con importantes beneficios fiscais (como un 95% de bonificación no IAE ou unha redución do Imposto de Sociedades). Ademais, as persoas socias traballadoras poden elixir o Réxime da Seguridade Social que máis lles interese, ben Xeral ou de Autónomos.
- A responsabilidade fronte acreedores é limitada aos bens cooperativos e ao capital social a nome da empresa.
- As cooperativas contan con axudas e subvencións específicas. Por exemplo, de 6.000 € por cada persoa desempregada que se incorpore como socia traballadora. Á hora de constituír unha cooperativa, pódese contar tamén con axuda e asesoramento gratuíto por parte das redes de cooperativas, como Espazocoop.
Que beneficios ten para min, como persoa consumidora?
As cooperativas en Galicia e na cidade da Coruña constitúen un sector en continuo crecemento, que ofrece cada ano unha maior oferta de produtos e servizos, ao alcance de calquera veciña ou veciño: imprentas, perruqueiras, servizos financeiros, centros educativos, axencias de comunicación, comida, roupa, artesanía… Hoxe, podemos facer case calquera gasto nunha entidade da economía social. E isto ten importante beneficios para nós, como consumidores:
- Os servizos ou produtos ofertados polas cooperativas son de proximidade e locais.
- As cooperativas permítennos acceder a produtos e servizos de calidade a prezos xustos (por exemplo, produtos ecolóxicos).
- Consumir en cooperativas é consumir de xeito responsable cumprindo con criterios de sostenibilidade s ocial, económica e medioambiental.
- A oferta cooperativa é cada vez máis ampla e diversa, permitíndonos acceder a un número maior de servizos e produtos cada ano.
Que beneficios ten para a nosa cidade?
A existencia dun sector cooperativo forte non só xera beneficios paras as persoas emprendedoras e consumidoras, tamén para a nosa cidade, que conta cun tecido económico dinámico, cos impactos sociais, económicos e medioambientais moi positivos. Entre os principais, atopamos os seguintes:
- As cooperativas son emprendementos de proximidade, que teñen a súa base social e económica na cidade. Isto favorece o consumo local que deriva nun importante aforro enerxético e na redución de gases de efecto invernadoiro, contribuíndo á loita contra o cambio climático.
- Como entidades da economía social, as cooperativas están baseadas na economía real, redistribuíndo os beneficios económicos de xeito horizontal entre as persoas socias e traballadoras.
- As cooperativas son unha importante fonte de emprego directo e indirecto de calidade.
- O tecido cooperativo é a alternativa que permite a participación de competidores máis pequenos, que se unen para poñer en marcha propostas económicas competitivas.
- As cooperativas permiten a continuidade da actividade de empresas en crise ou por xubilación ou falecemento do/a anterior propietario/a.
Folleto
Preme neste enlace para ver o Folleto da Campaña Cooruña Coopera
Segue a Campaña nas nosas redes sociais : Facebook – Twitter
**Campaña promovida dende a Unión de Cooperativas EspazoCoop – www.espazo.coop, no marco do Convenio de Colaboración 2019 que EspazoCoop asinou co Concello da Coruña para Promoción do Cooperativismo e a Economía Social.