Cambios na Lei de Cooperativas de Galicia. Creación de cooperativas con dúas persoas socias
Con respecto aos cambios na lei de Cooperativas de Galicia que introduce a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, aprobada na pasada semana no Parlamento Galego, dende Espazocoop queremos manifestar:
1. Que a incorporación, en dita lei, da posibilidade de creación de cooperativas de dúas persoas socias, xurdiu a iniciativa de Espazocoop, no marco das frecuentes e normalizadas conversacións que mantemos coa administración autonómica, de cara a fomentar e consolidar o sector cooperativo en Galicia. Cremos que será unha medida importante e que facilitará o emprendemento cooperativo. Polo tanto saudamos favorablemente dita modificación.
2. Dito o anterior, queremos mostrar o noso desacordo coas formas empregadas na súa tramitación. Cremos que calquera modificación que se leve acabo na normativa que afecta ao cooperativismo galego, debe someterse aos órganos consultivos correspondentes, nomeadamente ao Consello Galego de Cooperativas. A ausencia desta consulta e debate previo, fai que unha modificación demandada polo sector non teña o alcance esperado, xa que nela non se recollen todas as expectativas postas na medida.
3. Así mesmo, pensamos que as modificacións realizadas na Lei de Cooperativas de Galicia non son suficientes. É por iso que instamos ao goberno da Xunta e a todos os partidos do arco parlamentar, a traballar nunha revisión profunda da lexislación actual que sirva para impulsar e consolidar o sector cooperativo en Galicia e dotalo de máis capacidade de xeración de emprego de calidade, ao tempo que permita dar resposta ás demandas da sociedade a través de fórmulas da Economía Social.
Por último dicir que, dende a Unión de cooperativas Espazocoop, como é a nosa costume, quedamos a disposición de todas/os aquelas/es que o soliciten para contribuír a realizar esas modificacións normativas de xeito consensual e escoitando a todas/os as/os axentes afectados.
Lei 5-2017 Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais en Galicia.