As Casas do Maior emprenden en cooperativa
A Unión de Cooperativas EspazoCoop está acompañando e apoiando a creación de cooperativas que operarán como CASAS DO MAIOR no Rural, un asesoramento realizado dentro do convenio de colaboración coa Deputación da Coruña.
A rede das Casas do Maior en Galicia (CM) amplíanse coa recente aprobación da apertura de novas casas a catro cooperativas, entre outra máis. As CM son centros de coidados diurnos e de asistencia a persoas maiores no rural (maiores de 60 anos, e non necesariamente teñen que ser dependentes).
Nestes momentos son as únicas Casas do Maior concedidas a cooperativas: un modelo empresarial de xestión democrática, cooperación laboral, creadoras de autoemprego, con interese pola comunidade, e apegadas ao territorio. Entre as catro cooperativas, as súas socias -profesionais formadas na asistencia a persoas-, levarán 7 Casas do Maior e atenderán a 35 usuarias, e esperan ampliar o número. Estas Casas do Maior son:
- Colaxe s. coop. galega (con dúas casas no concello de Coristanco)
- Claxes s. coop. galega (con dúas casas nos concellos de Camariñas e Traba de Laxe)
- 3c Maiores s. coop. galega (con dúas casas nos concellos de Cee e Mazaricos)
- Monte Branco s. coop. galega (con unha casa en O Couto, concello de Ponteceso)
Esta semana -o luns 20 setembro- a conselleira de Política Social visitou a Casa do Maior Colaxe, coincidindo coa publicación no Diario Oficial de Galicia da concesión da apertura de novas Casas do Maior, entre elas as cooperativas asesoradas dende EspazoCoop.
O traballo representativo realizado pola Unión de Cooperativas coa Consellería defendeu que as Convocatorias de axudas para a apertura destes centros apoien o modelo cooperativo. Consistiu nun seguimento ao proceso tanto da Convocatoria de axudas para as Casas do Maior como das Resolucións.Tratouse coa Subdirección Xeral de Recursos Asistenciais para coñecer procedementos, e trasladarlle demandas das interesadas co fin de acadar o apoio da administración, como foron:
- Realizar actividades informativas cos concellos para contribuír a un mellor resultado na posta en marcha dos proxectos das CM.
- Revisión e modificación de aspectos e condicións de acceso ás Convocatorias: como é a necesidade de que favorezan a creación de empresas cooperativas máis grandes, que poidan compartir recursos e persoal de xestión do servizo; xa que isto reforza e garante a consolidación da cooperativa e do servizo prestado.
*Novas relacionadas na Prensa:
Sete casas do maior aumentan un 20% as prazas de día da zona (La Voz de Galicia): neste enlace
A rede de cooperativas abrirá a maioría dos centros (La Voz de Galicia): neste enlace