O Delas Fest renova a súa aposta cun programa máis longo e diversificado
A nova edición do festival feminista de arte urbana e contextual celebrarase entre o 24 de agosto e o 20 de setembro nos concellos de Teo, Ames, Santiago e Brión
Santiago, 20 de agosto de 2020
O primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa volverá deixar a súa sinatura en fachadas e muros da comarca compostelá. Entre o 20 de setembro e o 24 de agosto, diferentes espazos dos municipios de Teo, Ames, Santiago e Brión acollerán a nova edición do Delas Fest, un pionero proxecto organizado por 7H Cooperativa Cultural co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades materiais e simbólicas que sofren as mulleres que crean no espazo público.
Malia a complexa situación que atravesa o sector cultural coma consecuencia da crise do coronavirus, a gran acollida e impacto da experiencia inaugural, celebrada en decembro de 2019 cun cento de participantes, alentou ao equipo promotor a sortear a incerteza e as dificultades económicas dotando á solidariedade horizontal e á colaboración colectiva dun protagonismo clave na sostibilidade do proxecto.
Grazas ao éxito da campaña de mecenado na plataforma Goteo.org, na que se involucraron preto de 400 persoas, así como ao apoio dos concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión; aos patrocinios de Cuarto Pexigo, Fundación Didac, Montana Colors, Gadis e Ibersa; e á colaboración da Cidade da Cultura, o Delas Fest non só repite na axenda da arte urbana galega senón que reforza a súa aposta pola xeración de espazos que favorezan a igualdade de xénero no sector cunha programación máis ambiciosa.
O festival, que neste 2020 estende a súa duración (de unha a catro semanas) e o número de municipios involucrados (de tres a catro) respecto á edición do pasado ano, presenta un programa de actividades composto por unha intervención artística e un obradoiro de creación en cada un dos concellos; encontros de convivencia entre colectivos, asociacións veciñais e artistas; e a xornada de análise e creación colectiva “Muller e Cultura Urbana” que, enmarcada no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, ofrecerá sesións de faladoiros e debate, unha jam de improvisación pictórica con spray e un concerto.
Artistas convidadas
Fronte o apenas 19% de nomes femininos que, de media, asinan obras nos festivais españois en activo cun mínimo de cinco edicións, o Delas Fest aposta por un cartel feminista composto integramente por mulleres especialistas en diferentes técnicas e estilos artísticos.
As intervencións murais serán realizadas por Lidia Cao (Galiza) en Teo; Fitz Licuado, integrante do Colectivo Licuado (Uruguai), en Ames; Xoana Almar, compoñente de Cestola na Cachola (Galiza), en Compostela; e Susana Blasco (Aragón) en Brión. En cada un destes municipios, do mesmo xeito que no I Delas Fest, as coordinadoras do festival promoverán o carácter contextual das pezas a través da organización de encontros entre as artistas e representantes do tecido social e veciñal, quen achegarán ás creadoras á historia e idiosincrasia de cada espazo a intervir co obxectivo de que o resultado final non resulte alleo nin á poboación nin ao contexto dos distintos territorios.
De forma paralela aos traballos murais, cada concello acollerá, ademais, un obradoiro de creación, que será impartido por Lupita Hard (Galiza) en Teo; o colectivo Dúo Amazonas, conformado por Natalia Andreoli (Arxentina) e Lina Castellanos (Colombia), en Santiago; e polo equipo de 7H Cooperativa Cultural en Ames e Brión.
** Información de datas, horarios e localizacións de cada unha das actividades en https://7hcoop.gal/delasfest/ e 7hcoop@7hcoop.gal