Agaca e EspazoCoop lanzan 11 solicitudes a institucións públicas e privadas
As organizacións representativas do movemento cooperativo galego a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias e a Unión de Cooperativas EspazoCoop celebraron un acto conxunto de visibilización do cooperativismo e asinaron a Declaración de Santiago de Compostela 2021 “As cooperativas, motor dunha recuperación máis social, sostible e participativa”.
Inverviron representantes de confederacións nacionais de diversos ámbitos cooperativos e de institucións autonómicas e europeas.
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021.
Esta mañá foi no compostelán Museo do Pobo Galego o acto de presentación e sinatura da Declaración de Santiago de Compostela “As Cooperativas, motor dunha recuperación máis social, sostible e participativa”, un acordo entre AGACA e EspazoCoop que busca poñer en valor o modelo empresarial cooperativo en Galicia e detalla algunhas das súas demandas e solicitudes á Administración e entidades públicas e privadas.
Comezou coa intervención María Canal, Conselleira Económica da Comisión Europea en España, sobre a estratexia de recuperación europea e adiantou un Plan de Acción Europeo para a Economía Social, para finais deste ano: “A economía social xoga e xogou durante a crise un rol esencial, dunha banda para aumentar a resiliencia e, doutra banda, para preservar o emprego e as empresas que doutro xeito non terían podido saír adiante ou se verían obrigadas ao peche ou a xubilación, transformándoas en cooperativas ”.
En canto ao cooperativismo a nivel nacional houbo tres intervencións. Ángel Villafranca (presidente de Cooperativas Agro-alimentarias de España) nomeou ameazas á estrutura alimentaria, derivadas en ocasións da xeopolítica: “Nós non nos imos deslocalizar. As nosas cooperativas, a nosa xente, non vai marchar do territorio, van seguir implantando, pero precisamos que as nosas Administracións sexan conscientes de que somos relevantes”.
Por outra parte, Luis Miguel Jurado (presidente da Confederación Española de Cooperativas de Trabajo – COCETA) afirmou: “A economía do crecemento polo crecemento fracasa. Investir nas persoas, no seu desenvolvemento persoal e profesional, no seu benestar e na súa contorna é seguro, sen risco e a longo prazo”.
Finalmente, Javier Martínez (presidente da Unión Española de Cooperativas de Enseñanza–UECoE, reclamou á Administración non fusionar nun ciclo a formación de cero a seis anos en colexios, así como o recoñecemento do labor docente e expresou: “As cooperativas de ensino defendemos unha maneira de entender o servizo público situada máis aló da titularidade: no traballo colaborador e na inclusión. No ámbito social implica a construción dunha sociedade máis xusta e máis participativa”.
María Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade, mostrou o apoio da Xunta de Galicia: “Continuamos apostando pola economía social. Este ano aumentamos un 6% o orzamento a proxectos, ferramentas, programas vinculados con este tipo de economía”.
A Declaración
O acto rematou coa sinatura da Declaración por parte das presidentas de Agaca e EspazoCoop, respectivamente Carmen Rodríguez e Ana Olveira. Rodríguez fixo fincapé nas características operativas e económicas das cooperativas, como as limitacións para operar con non socios e para o reparto de plusvalías patrimoniais no caso de disolución: “Nas cooperativas, a especulación económica non é rendible nin viable para o socio”. Pola súa banda, Olveira afirmou: “Non podemos ter unha Lei do século pasado que se vai parcheando para resolver problemas”.
A Declaración de Santiago de Compostela 2021: As cooperativas, motor dunha recuperación máis social, sostible e participativa incide no peso do cooperativismo en Galicia, formado por 1500 cooperativas activas cun constante e progresivo crecemento, incrementado nos anos de crise económica e con grande capacidade de adaptación ao entorno e implantación en todos os sectores económicos e actividades sociais, culturais, asistenciais e humanistas.
Co documento Agaca e EspazoCoop efectúan once solicitudes ás institucións e entidades públicas e privadas. Entre elas, afirman a necesidade de impulsar ás cooperativas mediante políticas públicas formuladas contando co eido cooperativo, ademais de promover un modelo de desenvolvemento económico, social e ambiental que o represente, para consolidar no ámbito económico e empresarial a responsabilidade social e ambiental e o bo goberno.
>>Incitan ao conxunto entre Administración pública e sector cooperativo para desenvolver marcos legais, plans e estratexias que aseguren o desenvolvemento cooperativo e normativas que manteñan a esencia dos principios fundamentais do cooperativismo, ademais de permitir novas tipoloxías cooperativas que posibiliten atender necesidades reais nun contexto cambiante.
>>Solicitan asegurar a existencia dun soporte financeiro axeitado para consolidar un cooperativismo viable e sostible e garantir o acceso das cooperativas a fondos europeos, pero tamén locais, autonómicos, nacionais.
>>Reclaman un compromiso coas cooperativas, nas que priman as persoas, para que sexan axentes de cambio e beneficiarias reais do mesmo, así como reforzar o seu recoñecemento como axente esencial para a recuperación fronte á pandemia da covid-19, en particular mediante iniciativas locais de sostemento a longo prazo e de transmisión de coñecementos e prácticas entre cooperativistas e outros axentes socioeconómicos.
>>Piden recoñecer ás cooperativas como ferramenta fundamental para salvagardar a sostibilidade económica do sector primario e afrontar retos medioambientais, de acceso á dixitalización e de despoboamento das zonas rurais de Galicia. As cooperativas poden enfrontar o cambio grazas a servizos de asesoramento, produción e acompañamento baseados no coñecemento do territorio e as persoas.
>>Solicitan aos poderes públicos non poñer impedimentos xurídicos nin económicos ás cooperativas e facilitar as súas integracións para acadar unha maior dimensión coa que participar dun mercado cada vez máis global.
>>Avogan por un modelo económico máis transparente onde a trazabilidade da cadea alimentaria permita equilibrio entre produción e venda, propiciando un ecosistema produtivo que atraia á mocidade ao sector primario.
>>Promoven o desenvolvemento e xestión participativa de actividades nas políticas e proxectos relacionadas coa internacionalización e a cooperación internacional para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Comisión Europea.
DECLARACIÓN, fai clic en:
“As Cooperativas motor dunha Recuperación máis Social, Sostible e Participativa”