A nova entidade, resultado da fusión de UGACOTA, UCETAG e SINERXIA convértese na que aglutina máis cooperativas na nosa comunidade.
A tarde o venres 2 de xuño celebrouse na Cidade da Cultura unha sesión de conversas e presentacións que tiñan como obxectivo visibilizar o cooperativismo, unha fórmula empresarial que nos últimos anos experimentou un boom en Galicia. Foi un dos sectores que mellor resistiu a crise, e o seu ritmo de crecemento non afrouxou coa recuperación. A economía social segue dando mostras de fortaleza en Galicia, que pechou o ano pasado con 1.308 cooperativas activas -un 3,2 % máis das que había a finais do 2015-; que proporcionan emprego estable a máis de cen mil galegas e galegos; e producen o 10 % do PIB da nosa comunidade, segundo os datos da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Nos últimos anos Galicia entrou nunha nova etapa na que van xurdindo con forza cooperativas de traballo asociado en todos os sectores (cultural, tecnolóxico, formación, sector financeiro, Industrial, automoción, enxeñería, distribución e consumo, agroalimentario, sanidade, educación, turismo, transporte, servizos, comercio, consultoría, téxtil ou a atención ás persoas…) ata o punto de espertar interese noutros territorios como por exemplo a Comunidade Valenciana onde, desde a súa Universidade, están estudando o auxe das cooperativas culturais galegas.
Galicia conta nestes intres con máis de 7.000 entidades de economía social, integradas por 320.000 persoas. A Economía Social mantivo durante 2015 e 2016 a súa fortaleza no crecemento e xeración de emprego, con empresas de todos os tamaños e que actúan en todos os sectores de actividade, segundo se desprende do informe Empresas relevantes da Economía Social, elaborado por CEPES. Na actualidade, en plena recuperación económica, o cooperativismo segue dando mostras de fortaleza en Galicia, que pechou o ano pasado con 1.308 cooperativas activas, un 3,2 % máis das que había a finais do 2015, seguindo a senda ascendente iniciada no 2009, no 2016 creáronse na comunidade 51 novos proxectos cooperativos, que sumaron un total de 2.017 socios. Proba de que o cooperativismo está a ser unha alternativa de emprego durante a recesión é que, das 178 cooperativas creadas no últimos seis anos, 161 (o 90%) son empresas de traballo asociado, unha fórmula que se converteu en porta de acceso ao mercado laboral cando o autoemprego é case a única vía para ocuparse.
As cooperativas distínguense doutras empresas, pola súa contribución á xeración de emprego estable; ao desenvolvemento humano e profesional das persoas que agrupan; á creación dun tecido social e empresarial eficaz e solidario; á cohesión social e a solidariedade nos territorios nos que actúan, á democracia na toma de decisións, ao fomento do concepto de responsabilidade social empresarial. En definitiva, son empresas que aportan solucións concretas a colectivos e a territorios, e así o recoñece a Constitución española, no seu Artigo 129.1 e o fai tamén o Consello da Unión Europea, que recomenda aos estados membros e á Comisión a establecer, aplicar e seguir desenvolvendo estratexias e programas que reforcen o cooperativismo e a economía social, baseadas nun diálogo construtivo entre as autoridades competentes e as persoas interesadas.
Nace EspazoCoop, a maior entidade cooperativa de Galicia
A xornada do venres tamén tivo como obxectivo presentar a nova Unión de Cooperativas ESPAZOCOOP, resultado da fusión de tres entidades: a Federación de Cooperativas Sinerxia e as Unións de Cooperativas de Traballo Asociado-UGACOTA e de Cooperativas de Ensino de Traballo Asociado-UCETAG. ESPAZOCOOP é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas tipoloxías, baseada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo, agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria. Neste momento ESPAZOCOOP representa a 190 Cooperativas; 1.142 socios/as traballadores/as; 340 socios/as consumidores/as; 570 persoas contratadas; cunhas cifras de facturación que superan os 45 millóns de euros.
Programa da xornada
Ás 18:00 horas, Celso Gándara, presidente da Unión de Cooperativas ESPAZOCOOP, encargouse de presentar a xornada xunto a Covadonga Toca, Secretaria Xeral de Emprego. A continuación, o escritor Suso de Toro, protagonizou unha pequena reflexión arredor do cooperativismo como factor de cambio social durante unha conversa na que intercambiou opinións co presidente de ESPAZOCOOP, Celso Gándara, arredor de cuestións como a relación entre o cooperativismo e a cultura ou a educación; a viabilidade e o espazo para o cooperativismo neste sistema económico; ou a cultura pública en Galicia e como encaixala coa cultura cooperativista.
De seguido a Compañía de Teatro A PANADARÍA representou unha peza composta por varios sketches cómicos arredor das dinámicas cooperativas, creada especialmente para esta xornada. A concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concepción Fernández, foi a encargada de clausurar a xornada.
Solo falta crecer ahora en calidad cooperativa, participación cooperativa, compartir experiencias exitosas y las que no lo son pero sirven para evitar nuevos errores y así crecer adecuadamente no solo en cantidad. Las asignaturas pendientes hay que asumirlas lo mas pronto posible
José Andrés Riande