A secretaria de Estado de Economía Social, Amparo Merino, visita a nova sede de EspazoCoop en Santiago
O mércores 23 de abril, EspazoCoop recibiu na súa nova sede de Santiago de Compostela a visita da secretaria de Estado de Economía Social, Amparo Merino, nun encontro de especial relevancia para o cooperativismo galego.
Coincidindo co Día do Libro, a xornada comezou cunha visita á cooperativa socia Númax, unha das iniciativas máis recoñecidas da economía social galega. Este proxecto transformador, que integra libraría, cinema e laboratorio creativo, é un referente cultural en Santiago de Compostela e un exemplo claro do impacto social e económico do cooperativismo no territorio.
Xa nas instalacións de EspazoCoop, representantes de EspazoCoop mantiveron un encontro coa secretaria de Estado no que se abordaron temas estratéxicos para o impulso do cooperativismo desde Galicia. Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, puxo de manifesto a necesidade de que o ecosistema estatal da economía social arroupe e fortaleza o desenvolvemento autonómico, permitindo traballar con seguridade xurídica e consolidando un marco favorable para o crecemento das cooperativas.
Durante a reunión, trasladouse a preocupación pola dificultade que atopan moitas cooperativas galegas —formadas exclusivamente por persoas socias traballadoras— á hora de rexistrar os seus plans de igualdade, ao exixir a normativa vixente a negociación con sindicatos mesmo cando non existe representación legal externa. Esta situación afecta especialmente ás pemes e micropemes do sector, comprometidas coa incorporación de persoas socias e cun modelo de xestión democrática e equitativa.
Así mesmo, destacouse a importancia de facilitar a capitalización da prestación por desemprego por parte de persoas traballadoras interesadas en adquirir empresas en crise ou sen relevo xeracional, promovendo a súa transformación en cooperativas. Esta vía permitiría dar continuidade a proxectos empresariais que doutro modo estarían abocados ao peche, reforzando o cooperativismo como unha alternativa sólida e resiliente ante escenarios de incerteza económica e social.
No encontro tamén se fixo fincapé na necesidade de avanzar na implementación da II Estratexia Española de Economía Social, entendida como unha folla de ruta fundamental para reforzar e proxectar este modelo empresarial transformador. EspazoCoop propuxo dinamizar o Consello de Fomento da Economía Social, como espazo clave de coordinación entre administracións e organizacións representativas, así como actualizar a normativa estatal que afecta ao sector, con especial atención á reforma da Lei 20/1990 sobre o Réxime Fiscal das Cooperativas.
Durante a súa intervención, Amparo Merino destacou que “Deben ser os modelos de economía social, as cooperativas, as sociedades laborais, a nosa principal referencia en modelo de emprendemento e deben ser tamén a opción que utilicemos para dar a substitución xeracional a moitos comercios e industrias que non o teñen garantido”.
A presidenta de EspazoCoop aproveitou tamén para felicitar o Ministerio polo seu papel impulsor da economía social como motor de cambio cara á igualdade. Fíxose referencia ao acto do luns 28 de abril en Murcia, no que se presentará a declaración Voces pola Igualdade, da cal EspazoCoop forma parte con orgullo, xunto a outras mulleres referentes de todo o Estado. A declaración é unha mostra clara de que a economía social —e moi especialmente o cooperativismo— posúe o potencial, a práctica e a vontade de transformar o sistema produtivo con valores de igualdade, xustiza e democracia económica.
Leave A Comment