Publicado un novo informe sobre ‘A Economía Social na Unión Europea‘, elaborado polo CIRIEC Internacional por encargo do CESE. O informe supón unha actualización e ampliación do presentado polos mesmos autores hai cinco anos, e para a súa realización ten contado coa rede de corresponsables do CIRIEC-Internacional nos 27 países membros da Unión, coordinados por un Comité de Expertos e a propia Comisión Científica que preside o profesor Chaves. O estudo fai uso de tres obxectivos ou instrumentos intermedios: establece unha definición clara e rigorosa da Economía Social como concepto, e das diferentes clases de empresas e organizacións que a integran; determina os diferentes axentes que, independentemente da súa forma xurídica, forman parte da economía social de cada Estado membro da UE, e facilita datos macroeconómicos sobre o sector nos 27 Estados membros e os dous países candidatos, analizando a forma en que a economía social pode contribuír á aplicación da Estratexia Europea 2020.
Catorce millóns de empregos na UE e capacidade extraordinaria de resistencia á crise
Entre as principais conclusións do estudo destaca que a economía social emprega máis de 14 millóns de persoas na UE, o 6,5% do emprego total. En España, a economía social xera 1,2 millóns de empregos directos, o que equivale ao 6,74% do emprego total do país, porcentaxe algo por enriba do europeo.
Así mesmo, entre as conclusións figura tamén que durante o período 2008-2012, a economía social “demostrou unha capacidade extraordinaria” para facer fronte ás consecuencias negativas do actual ciclo de depresión e contribuír de forma significativa ás tres principais prioridades da Estratexia Europea 2020: un crecemento intelixente, sostible e integrador. E engade: “A innovación organizativa e social das empresas da economía social encóntrase entre as razóns básicas da súa maior resistencia á destrución dos postos de traballo e a inseguridade laboral. ”
A economía social no diálogo social: un desafío de gran calado.
Por todo iso, segundo recolle o estudo, o recoñecemento da economía social como interlocutor específico no diálogo social “constitúe un desafío de gran calado“. Segundo os autores: “A economía social converteuse nunha importante institución da sociedade civil que contribúe de forma significativa á súa articulación e ao desenvolvemento da democracia participativa. Pero ao mesmo tempo, constitúe un poderoso actor económico e social cuxas características específicas non se axustan á clásica dicotomía de empregadores – empregados”. Así, o estudo indica que xunto ás clásicas Mesas de negociación colectiva, “deben propoñerse Mesas de diálogo social, máis acordes co novo escenario económico, nas que se inclúa os axentes da Economía Social“.
En palabras de Luca Jahier, presidente do Grupo de Actividades Diversas do CESE, “sen dúbida, a economía social constitúe un sector que contribúe de xeito significativo á creación de emprego, ao crecemento sostible e a unha distribución da renda e a riqueza máis xusta. Trátase dun sector capaz de combinar a rendibilidade coa inclusión social e os sistemas democráticos de goberno, que traballa xunto cos sectores público e privado para axustar os servizos ás necesidades. Fundamentalmente, é un sector que capeou a crise económica moito mellor que outros e que gaña un recoñecemento cada vez maior a nivel europeo. ”
Para consultar e/ou descargar o informe, prema aquí: La Economía social en Europa 2013