A Economía Social amosa no Culturgal a importancia do traballo en comunidade
As entidades do sector presentarán os seus produtos, servizos e actividades na 16ª edición da Feira das Culturas Galegas nun stand que busca salientar as redes de intercooperación.
O sector cultural da economía social galega estará presente por noveno ano consecutivo na Feira das Culturas Galegas (Culturgal), que se celebra entre o 1 e o 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, nun stand promovido pola Secretaria Xeral de Promoción do Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Durante os tres días do evento, nesta décimo sexta edición que busca achegarse aos públicos consumidores de cultura, 13 entidades -doce cooperativas e unha sociedade laboral-, presentarán os seus proxectos, produtos e servizos na cita de referencia da cultura galega.
O espazo de economía social aposta pola visibilización das entidades que conforman o sector mostrando, nesta edición, como as persoas que forman parte delas, como estrelas, constrúen galaxias e, entre todas, un universo que segue a estela dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a consecución da Axenda 2030.
Así, as persoas que visiten o stand promovido pola Consellería atoparán, ademais das últimas novidades no catálogo das entidades, unha instalación artística promovida por 7H cooperativa cultural que parte de pezas de cerámica de Cavalinho do Demo deseñadas para a ocasión. Cada figura representará a unha entidade, conformando no seu conxunto a galaxia da economía social. Ademais, convidarase ao público a crear as súas propias estrelas de origami uníndose, deste xeito, a ese firmamento. Desta forma, sitúase á cidadanía no centro das prácticas culturais, nunha obra participativa que permitirá ás persoas construír en comunidade xunto á economía social.
Fai clic: Folleto da Constelación da Economía Social
En paralelo, o stand da Economía Social de Galicia ofrecerá ao longo da fin de semana un programa multidisciplinar de propostas para todos os públicos nos que terán protagonismo a arte, a literatura, o xogo, a maxia, a música e a narración oral.
[ Programa de actividades ]
Venres 1
● 12h. Encontro da Sectorial Cultura-TOPMA de Espazocoop e visita da Secretaria Xeral de Promoción do Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social. (actividade no propio stand)
Xuntanza de intercooperación entre as cooperativas socias e outras entidades de economía social vinculadas ao sector.
● 17h. Presentación de A Talangreira do Beque, cooperativa de nova creación concesionaria do Complexo Hostaleiro Deportivo de O Beque, en Moaña. (actividade no propio stand)
● 18h. Presentación da obra A lingua en futuro, a cargo de Catro Ventos Editora. (actividade no propio stand)
As autorías d´A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 poñen en común a súa visión sobre o futuro da lingua desde a perspectiva actual até o desexo de como queren que estea, nunha actividade guiada polo coordinador do volume Fernando Ramallo.
Sábado 2
● 12h Presentación do disco de Silvia Penide Mientras dura el aplauso, da man de DezdeDez Xestión Cultural e coa actuación da artista. (actividade no Espazo Música)
Con motivo da conmemoración do XX aniversario da carreira de Silvia Penide, o pasado 26 de xullo lanzábase en edición limitada un vinilo branco con 9 colaboracións e un tema novo. Titulado Mientras dura el aplauso o novo disco da autora chega agora a todas as plataformas dixitais, onde estará dispoñible a partir do próximo 1 de decembro.
● 18h Presentación do novo catálogo de xoguetería de Miudiño s. coop. galega. (actividade no propio stand)
A cooperativa Miudiño continúa coa divulgación do patrimonio inmaterial e material galego a través da xoguetería, coa incorporación de seres mitolóxicos como Pedro Chosco e os Trasnos, e o deseño de diversas ferramentas para exterior e de xoguetes tradicionais (billarda, birlos, rá, aros, carreiras de peixes)
● 19h Animalada, de Cé Orquestra Pantasma, a cargo de Miudiño s. coop. galega (actividade no Espazo Infantil)
Espectáculo para xogar, cantar e bailar, ao son de historias de animais que pasaron xa fai tempo, contadas un bo día por unha vella máis un vello. Cans, galiñas, piollos, pulgas, serpes, corvos, cabuxas e lobos entre outros, son os protagonistas deste espectáculo dinámico e participativo.
● 12h Presentación da obra As bicicletas si son para Galicia, a cargo de Catro Ventos Editora, seguida de pedalada na compaña de Pedaladas Pontevedra. (actividade no Espazo Literatura e pedalada exterior)
● 17h Triscos de maxia, a cargo de Magia en la Manga s. coop. galega. (Simultánea entre a zona de público do escenario de música e a zona de exposicións). Unha proposta de maxia en pequeno formato coa que sorprender aos visitantes da feira.
● 18h Descartes, obradoiro a cargo de Funicular Arteducación e 7H Cooperativa Cultural. (actividade no propio stand).
A Talangreira do Beque s. coop. galega
Segundo o dicionario do léxico morracense Unha maré de palabras: “Talangreira s.f. Unha morea de cousas en desorde”. Como cooperativa, é a entidade concesionaria do Complexo Hostaleiro Deportivo de O Beque, na Fraga do concello pontevedrés de Moaña, na Comarca do Morrazo. Levan a cabo un plan de dinamización integral poñendo “orde” nas instalacións recuperadas despois de anos de abandono. Albergue, bar, pistas deportivas, e un espazo de eventos. Máis de 9.000m2 en plena natureza.
Catro Ventos Editora s. coop. galega
Catro Ventos Editora é a sociedade cooperativa galega adicada á publicación de obras en galego dos eidos da ecoloxía, a economía social, o consumo responsable, os dereitos humanos e a crianza alternativa. Fundada en Vigo xa fai 7 anos, conta cun catálogo de 40 referencias imprescindibles para persoas lectoras conscientes. Ademais, facilita servizos editoriais adaptados a cada proxecto xa que a cooperativa está conformada por persoas
tradutoras, deseñadoras e comunicadoras.
Cuarto de Inverno s. coop. galega
É unha editorial independente con sede na Galiza, mais os seus libros son libres de voar aló onde queiran. Publican libros porque gostan deles, mais tamén axudan a escribilos, a corrixilos, a deseñalos,… Gústanlles novidosos e arriscados, riquiños e coidados, afoutos e combativos na súa totalidade: desde a portada até as gardas, desde o código de barras até o colofón. Os libros que editan implican unha actitude e un posicionamento vital; un xeito, o noso, de ver o mundo e de estar nel.
Cunde s. coop. galega
CUNDE naceu no 2015 de man de profesionais independentes que xuntaron as súas habilidades e a súa experiencia nun proxecto común que non deixa de medrar e multiplicarse desde a súa creación. Actualmente CUNDE componse de 6 persoas entre socias e traballadoras. Dende o 2019 centra a súa actividade en ofrecer servizos de produción a entidades, institucións, empresas principalmente no sector cultural. Especialistas do deseño, xestión e coordinación de eventos multidisciplinares, intentan achegar sempre as mellores opcións e solucións para os proxectos que cada cliente teña en mente. Así mesmo, asesoran e favorecen a mellor selección de persoal e os servizos auxiliares precisos -todo tipo de medios e recursos- para levar adiante calquera evento.
DezdeDez s.l.l.
DezdeDez ou 10D10, fundada en 1999 e situada na cidade da Coruña, centra a súa actividade na xestión cultural: representación de artistas (Silvia Penide, Leticia Rey), Selo discográfico, xestión e organización de programacións musicais para institución e asociacións. E, finalmente, obradoiros para músicos baixo o título: Como conseguir concertos.
Gaia Ecocrianza s. coop. galega
Cooperativa de traballo asociado que cre nunha economía máis social, no que as persoas priman sobre os cartos, na que se busca traballar e vivir con dignidade. Construiron unha tribu propia para que a vida laboral e familiar poideran coexistir en equilibrio. Gaia nace buscando acompañar a crianzas e familias, poñendo o foco na importancia de MATERNAR e coidar sendo nais e crianzas as protagonistas. Chegaron aquí convencidas de que é o xeito máis honesto de vivir as súas propias maternidades e o mellor xeito de cambiar o mundo. Buscan contaxiar unha forma de criar baseada no respecto aos tempos e a autonomía das crianzas como base fundamental para o seu desenvolvemento óptimo e integral. Coidando ás nais, coidando ás crianzas e difundindo cultura de infancia.
Magia en la Manga s. coop. galega
Tres magos diferentes, cada un cun estilo, forma de facer e especialidades de seu, para ofrecer maxia para calquera tipo de eventos: desde teatros e auditorios, ata públicos reducidos; desde maxia en recepcións e cócteles, a sesións privadas con ambiente íntimo; e desde empresas, a familias para todos os públicos. Este proxecto, que comezou en 2018, continúa hoxe sen deixar de aprender polo camiño e sen perder a súa visión.
Na súa traxectoria, Magia en la Manga foi recoñecido no Pont-Up Store 2019 como mellor proxecto de emprendemento na categoría de Formación, Educación, Arte e Cultura pola súa orixinalidade, calidade e profesionalidade.
Miraxe s. coop. galega
Miraxe é unha cooperativa cultural de traballo asociado que ofrece servizos de xestión, organización e produción de proxectos e eventos, cunha ampla experiencia ademais na contratación e representación artística. O seu obxectivo é dar servizo ao sector cubrindo unha ampla gama de prestacións e a súa experiencia dálles unha boa perspectiva tanto das necesidades do sector en xeral como das súas propias como profesionais.
Miudiño s. coop. galega
A cooperativa Miudiño nace do mundo da ilusión e dos soños, alimentada de tres grandes paixóns: a infancia, a natureza e o patrimonio cultural, que combinados entre si van dando vida a todo o que fan: música, xogos e xoguetes, obradoiros e contos. O amplo repertorio de Cé Orquestra Pantasma xunto ao marabilloso “Fíos do querer” compleméntanse con obradoiros variados e a venda e aluguer de xogos e xoguetes de madeira, de alta calidade e de elaboración propia e artesá.
O Cable Inglés s. coop. galega
Recuperan un dos episodios máis descoñecidos da nosa historia como metáfora para crear e comunicar cultura a través da xestión integral de proxectos culturais sostibles implicados co territorio e os seus habitantes, ofrecendo servizos de comunicación, produción e deseño.
Sacauntos s. coop. galega
A Sacauntos é unha cooperativa de traballo asociado que oferta servizos de deseño gráfico e web, autoedición (Companha Editora) e impresión en grande e pequeno formato. Os seus obxectivos sociais son a defensa da lingua, do tecido asociativo galego, do deporte base, da igualdade de xénero en Galicia e o apoio á dinamización cultural no país.
Urdime s. coop. galega
Urdime é unha cooperativa especializada na distribución e acompañamento de proxectos relacionados coas artes escénicas, o teatro, a danza e a música. Así como na xestión integral de proxectos dentro do ámbito cultural e social.
7H Cooperativa Cultural
7H é un proxecto de autoemprego colectivo baseado na economía social e, por tanto, centrado nas persoas e na comunidade. Especialistas en inclusión, feminismos e capacidades diferentes, aspiran a xerar un modelo de participación que, desde a xestión e a comunicación cultural, a educación artística e a creación contemporánea, fomente o diálogo e a visualización da diversidade, promovendo a transformación colectiva do contexto.
—
[*Fonte: Coordinación do Stand da Economía Social, 7H Cooperativa Cultural s. coop. galega.]