A Deputación da Coruña e EspazoCoop fomentan o cooperativismo e a economía social

 

Ambas as dúas entidades reuníronse o xoves 6 de febreiro na sede das instalacións da Deputación da Coruña xa que veñen colaborando co obxectivo de impulsar e visibilizar o traballo das cooperativas

Valentín González Formoso, Presidente da Deputación Provincial da Coruña, e Ana Olveira, Presidenta da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop, reafirmaron a colaboración co obxectivo de fomentar o traballo e función das cooperativas, ademais de promover a economía social.

Ambas dúas entidades levan anos traballando para impulsar e promover o traballo que fan as cooperativas da provincia da Coruña. Ademais, organizan diferentes iniciativas de maneira conxunta como son charlas, xornadas formativas ou campañas de promoción.

Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “a provincia da Coruña ten un importante tecido socioeconómico cooperativo que representa a máis do 40 % do total da comunidade. Agradecemos a súa colaboración á Deputación Provincial da Coruña xa que a través deste convenio poderemos continuar traballando no desenvolvemento e promoción do cooperativismo na provincia

Pola súa banda, Valentín González Formoso, Presidente da Deputación Provincial da Coruña, destacou “a importancia do cooperativismo no desenvolvemento do rural de Galicia”, salientando que na comunidade hai rexistradas actualmente 1.900 cooperativas, das que preto de 800 ubícanse en pequenos municipios rurais, “creando emprego e actividade económica que contribúe á fixación de poboación”.

Obxectivos da colaboración

Os principais obxectivos da colaboración son divulgar e difundir as posibilidades que ofrecen as fórmulas de economía social, nomeadamente o cooperativismo, para a xeración de emprego, ademais de xerar novos postos de traballo de calidade vencellados á economía social e máis concretamente ao cooperativismo, explorando as posibilidades que ofrecen as novas liñas e sectores de actividade. Tamén se busca garantir a reactivación e supervivencia da actividade e mantemento de emprego das pequenas cooperativas da provincia da Coruña, servindo de apoio ás entidades locais para o fomento do tecido económico e empresarial.

Programas realizados o pasado ano

No marco deste compromiso co sector cooperativo, en 2024 desenvolvéronse varias liñas de acción, fomentouse o modelo cooperativo a través dunha xornada sobre as cooperativas como instrumento de sostibilidade, con 40 beneficiarias, un curso para axentes de emprego e emprendemento, con 22 beneficiarias, ademais de consolidar e apoiar ás cooperativas mediante programas de acompañamento a empresas cooperativas en funcionamento da provincia da Coruña en materias como: información xurídica, análise e mellora da área comercial, organizativa, económica ou planificación, entre outras, chegando a máis de 30 cooperativas beneficiarias. Este servizo tamén deu apoio á creación de 2 novas cooperativas na provincia, e por último, traballouse na dinamización da rede de coworkings da Deputación, que conta con 11 espazos, para fomentar o coñecemento do cooperativismo e as súas potencialidades.