EspazoCoop celebra a súa asemblea anual presentando cifras récord

Nos últimos 5 anos EspazoCoop medrou en preto dun 60% en número de socias

 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024. No día de hoxe, a Unión de Cooperativas de Galicia, EspazoCoop, celebrou a súa asemblea anual, onde se presentaron as destacadas cifras e logros do ano 2023. EspazoCoop, entidade de referencia en Galicia, agrupa a 265 cooperativas de distintos sectores e inspírase nos principios e valores cooperativos de apertura, autonomía, participación, interese pola comunidade, solidariedade, transparencia, formación continua, igualdade de xénero e defensa da cultura e lingua galega.

Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “desde EspazoCoop reafirmamos o noso compromiso por un cooperativismo forte en Galicia, solucionando dificultades do sector e promovendo recursos e actividades que beneficien a todas as nosas socias. No ano 2023 non só medramos en número de socias, persoas cooperativistas ou empregadas, tamén desenvolvemos máis actividades e xestionamos máis fondos que repercuten dun xeito directo e favorable na nosa masa social”.

Cifras récord de asociadas

En 2023, incorporáronse 36 novas cooperativas a EspazoCoop, consolidando un crecemento do 60% no número de socias no últimos cinco anos. Actualmente, a unión conta con:

  • 128 cooperativas na Coruña
  • 97 en Pontevedra
  • 24 en Ourense
  • 16 en Lugo

As cooperativas asociadas a EspazoCoop abarcan diversos tipos:

  • 215 cooperativas de traballo asociado
  • 27 cooperativas de ensino
  • 7 cooperativas de consumo
  • 16 cooperativas xuvenís

Estas cooperativas representan a 2.899 persoas cooperativistas, con 1.343 socias traballadoras e 1.556 socias de consumo.

Impacto de Xénero nas socias de EspazoCoop

O papel das mulleres en EspazoCoop é fundamental:

  • O 50% das cooperativas socias están presididas por mulleres.
  • O 45% das persoas socias das cooperativas son mulleres.
  • O 20% das cooperativas están constituídas só por mulleres.

Proxectos desenvoltos en 2023

En 2023, EspazoCoop xestionou máis de 624.000 € en prol do fomento do cooperativismo. Participou en 18 redes e organizacións a nivel galego e estatal e asinou 50 convenios de colaboración no últimos cinco anos. Ademais, por primeira vez, EspazoCoop forma parte da executiva de COCETA, aumentando a súa incidencia a nivel estatal.

EspazoCoop dispón dun servizo de información e asesoramento en materia de creación de cooperativas en Galicia, con atención persoalizada densde a orientación inicial ata o acompañamento no plan de viabilidade empresarial e societario dos proxectos cooperativos, pasando polas liñas de financiamento, trámites de constitución, formación, e as axudas. Grazas aos servizos de apoio ao emprendemento cooperativo, no último ano creáronse 23 cooperativas e 62 empregos, atendéndose 130 proxectos pre-cooperativos e 275 persoas.

Como entidade que constrúe rede entre cooperativas, EspazoCoop  realiza acompañamento persoalizado e programas de crecemento a medida para as cooperativas. En total, leváronse a cabo 7 programas de consolidación cooperativa en 2023, nos que participaron 334 persoas, un 20% máis que no ano anterior. A través dun destes programas, Es Mentoring, atendéronse desde EspazoCoop a 20 entidades da economía social a través de unha rede composta por 84 persoas expertas con elevados coñecementos sobre o funcionamento e procesos no tecido socioeconómico.

Ademais, EspazoCoop impulsou a formación cooperativa con 31 actividades formativas en 2023, sumando 554 horas de formación. Cun aumento do 67% no número de participantes, estas accións formativas beneficiaron a 646 persoas e 61 cooperativas usuarias. Co obxectivo de consolidar ás cooperativas de recente creación, executáronse 7 programas beneficiando a 334 cooperativas, un 20% máis que o ano anterior.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.