O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía a súa carteira de servizos para que Pemes e autónomos poidan acceder máis facilmente á oferta tecnolóxica que existe no mercado. O Servizo de Consultas TIC, o Servizo CDTIC Virtual e o Servizo Streaming, súmanse desde hoxe ás actuacións que vén desenvolvendo o centro desde hai tres anos para unir a oferta TIC e a demanda dos restantes sectores empresariais galegos.
O primeiro destes novos servizos, o de Consultas TIC, ten como obxectivo resolver dúbidas ou cuestións vinculadas coas tecnoloxías da información e a comunicación de pemes e profesionais autónomos. O funcionamento é sinxelo, xa que simplemente cómpre cubrir o formulario habilitado na web do Centro http://cdtic.xunta.es. Unha vez recibida a consulta, o CDTIC traballará na súa resolución e, envíalle unha resposta nun prazo máximo de 96 horas.
O Servizo CDTIC Virtual, ofreceralles ás empresas e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar solucións empresarias libres que están aloxadas na nube. Deste xeito poderán coñecer e avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades de solución tecnolóxicas dispoñibles para o seu sector. Para empregar o servizo só é preciso solicitalo na web do Centro e tras verificar a súa petición habilitaráselle un período de proba.
Este servizo iníciase coa aplicación Owncloud, unha solución libre que permite dispoñer de almacenamento de ficheiros e aplicacións en liña (cloud computing) destinada principalmente a pemes e profesionais autónomos. Trátase dunha alternativa libre a outras solucións privadas presentes no mercado.
A seguinte solución que se ofrecerá será Xeshostal que permite a xestión en liña (a través de internet) de establecementos hoteleiros. A aplicación é unha ferramenta pioneira para mellorar a xestión dos pequenos establecementos turísticos e para compartir datos.
Por último, o Servizo Streaming está deseñado para as persoas que queiran asistir ás actividades levadas a cabo polo CDTIC, pero que non teñen a posibilidade de desprazarse ata as súas instalacións. Simplemente cun dispositivo con conexión a internet, as persoas interesadas poderán seguir os actos desde calquera localización.
Así mesmo, proximamente iniciarase unha campaña de ampliación e actualización do MapaTIC.gal.
Centro Demostrador TIC de Galicia
Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia
Rúa Airas Nunes, s/n – Conxo
15702 – Santiago de Compostela – A Coruña
Teléfono 881 995 200 – http://cdtic.xunta.es