O organigrama que estrutura EspazoCoop


A Unión de Cooperativas EspazoCoop ten a mesma estrutura política e de toma de decisións que as empresas cooperativas.

Como órgano de representación e decisión está a asemblea de socias composta polas cooperativas da Unión. Esta asemblea convócase anualmente para aprobar as contas e a xestión da actividade, os orzamentos e o plan de traballo que se pretende levar a cabo, entre outros temas.

A asemblea delega as responsabilidades de goberno nun consello reitor elixido polas socias, a súa vez, conta coa colaboración dun equipo técnico formado por nove persoas que desenvolven as distintas liñas de traballo acordadas.

Dentro da Unión tamén existen varias sectoriais que agrupan cooperativas que comparten sector de actividade, conformando grupos de colaboración e intercooperación.

 

Asemblea de cooperativas socias

A Asemblea é a reunión das representantes de cada unha das cooperativas asociadas para deliberar sobre a política xeral da Unión e tomar acordos sobre aqueles asuntos que, en virtude da Lei de Cooperativas de Galicia e dos Estatutos de EspazoCoop sexan da súa competencia. É, polo tanto, é o órgano supremo de expresión da vontade social.

 

Consello reitor

O consello reitor é o órgano de goberno de EspazoCoop. Está formado por un equipo de persoas pertencentes a cooperativas socias, elixidas en Asemblea polas asociadas, renóvase simultaneamente cada catro anos, podendo ser reelixidas por un máximo de dous mandatos para o mesmo cargo.

Presidencia | Abeluria s. coop. galega – Ana Olveira Blanco

Vicepresidencia | Adigna s. coop. galega (Colexio Abrente) – Miguel Anxo Filgueira Touriño

Secretaría | Culturactiva s. coop. galega – Nacho Fungueiriño Rey

Vogais | Algalia s. coop. galega – Celso Gándara| Enérxica s. coop. galega – Pilar Lozano | Urdime s. coop. galega – María Emilia Candal Bouzas | Nosa Enerxía s. coop. galega – José Antonio Eiras Vila | Colexio Possumus s. coop. galega – José Carlos Freire Castroseiros | Alén s. coop. galega – Claudia Rodríguez

 

As persoas que integran o consello reitor

  • Ana Olveira Blanco | Presidencia Licenciada en Relacións Laborais. É socia fundadora da cooperativa Abeluria. Investigadora do sector da economía social. Traballou como técnica na Rede Eusumo (rede de fomento do cooperativismo e a economía social en Galicia).  Anteriormente foi socia de 7H Cooperativa Cultural, xerenta en Sonaxe s. coop. galega e tamén estivo vinculada á Asociación de Consumidoras de Galicia.
  • Claudia Rodríguez | Vogal | Socia de Alén, s. coop. galega. Enxeñeira química cun mestrado en negocios europeos e especializada en sustentabilidade. Conta con experiencia nacional e internacional en planificación financeira e comercial, especializándose en desenvolvemento de negocio e análise para toma de decisions. Cunha forte orientación a resultados e negocios, é responsable de xestión e analítica.
  • Miguel Anxo Filgueira Touriño | Vicepresidencia | Diplomado en Maxisterio. É socio fundador do Colexio Abrente s. coop. galega. Foi presidente e membro do consello reitor da Unión de Cooperativas de Ensino de Traballo Asociado de Galicia (Ucetag). Tamén estivo no consello da Federación de Cooperativas Sinerxia.
  • José Antonio Eiras Vila | Vogal | Administrativo e socio de Nosa Enerxía s. coop. galega. É Enxeñeiro de Minas.
  • Nacho Fungueiriño Rey | Secretaría | Xestor Cultural. Socio traballador de Culturactiva S. Coop. Galega.
  • María Emilia Candal Bouzas | Vogal | Xestora Cultural. É socia de Urdime s. coop. galega.
  • Pilar Lozano | Vogal | Responsable de Administración e socia traballadora de Enérxica s. coop. galega.
  • José Carlos Freire Castroseiros | Vogal | Socio do Colexio Possumus s. coop. galega, onde traballa como docente.
  • Celso Gándara | Vogal | Xerente e socio en Algalia s. coop. galega.

 

Sectoriais

En EspazoCoop existen varias sectoriais que agrupan cooperativas que comparten sector de actividade. Agruparse sectorialmente é unha forma de colaboración.

A creación e a organización de Sectoriais coas socias responde ao obxetivo de que a Unión favoreza a interrelación e os grupos de traballo independentes daquelas cooperativas que se poden agrupar polo tipo de sector e pola actividade que realizan.

As sectoriais de EspazoCoop reúnense regularmente para coordinar actuacións nos seus ámbitos. Entre os seus fins está fortalecer os procesos de sectorialización da entidade, procurar unha intermediación especializada e incrementar a interlocución nos eidos específicos de cada sectorial, reforzando a identificación de demandas e liñas de traballo específicas.

Sectorial de Ensino

As cooperativas de ensino contan cunha sectorial propia dentro da Unión. O seu representante político é un dos membros do consello reitor: Miguel Anxo Filgueira Touriño – Adigna s. coop. galega (Colexio Abrente).

Sectorial de Cultura, Turismo, Ocio, Patrimonio e Medio Ambiente

EspazoCoop conta ademais con outra sección conformada polo grupo das cooperativas do sector de cultura, turismo, ocio, patrimonio e medio ambiente, a súa portavoz forma parte do consello reitor: María Emilia Candal Bouzas – Urdime s. coop. galega.

Sectorial de Consumo

En EspazoCoop existe unha sección conformada polas cooperativas de consumo, a súa portavoz forma parte do consello reitor: José Antonio Eiras Vila – Nosa Enerxía s. coop. galega.

Sectorial de Asesorías-Consultorías

A Unión de Cooperativas EspazoCoop conta coa sectorial conformada polo grupo das cooperativas do sector asesorías e consultorías, a súa portavoz forma parte do consello reitor: Claudia Rodríguez – Alén s. coop. galega.