As cooperativas de traballo asociado son unha ferramenta válida de autoemprego colectivo para poñer en marcha proxectos empresariais baseados nas persoas e nos principios cooperativos.
Requiren de persoas con vocación polo traballo en equipo, capaces de responsabilizarse de seren ao mesmo tempo traballadoras/es e empresarias/os, relacionarse e aportar as súas ideas tendo en conta as ideas das/os demais.
Unha cooperativa de traballo asociado é unha agrupación de persoas que desexan desenvolver de xeito conxunto, unha actividade empresarial que lles garanta un posto de traballo estable.
Trátase polo tanto dunha empresa onde as persoas asumen de xeito conxunto a posta en marcha dun proxecto empresarial compartido e xestionado democraticamente.
Nas cooperativas de traballo asociado cada persoa é un voto con independencia do capital aportado e as persoas se autoxestionan para acadar os seus obxectivos económicos e laborais.