Convocados os `Premios á Cooperación´e o `Certame de Cooperativismo no Ensino´ 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publicou as bases reguladoras dos Premios á Cooperación 2026, e do Certame Cooperativismo no Ensino.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria unificada correspondente ao ano 2026 do certame Cooperativismo no Ensino e dos Premios á Cooperación, ambas iniciativas destinadas a reforzar a divulgación dos valores cooperativos entre o alumnado dos centros educativos galegos e a poñer en valor o traballo que desenvolven as cooperativas na consolidación deste modelo empresarial.
A convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o 26 de xaneiro ata o 30 de abril de 2026, conta cun orzamento total de 43.000 euros por parte do Goberno galego.
A medida contribúe a visibilizar o papel do cooperativismo como motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio contribuíndo a xerar actividade e a fixar poboación no rural.
Certame de Cooperativismo no Ensino
No que respecta ao certame Cooperativismo no Ensino, poderán participar centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, tal e como ocorreu na última edición, na que tomaron parte 24 centros educativos.
O alumnado poderá presentar propostas en tres modalidades. A primeira, dedicada a actividades artísticas, está dirixida a educación infantil, primaria e educación especial. Outorgaranse catro premios e catro accésits, dotados con 2.500 e 1.500 euros respectivamente. A segunda modalidade abrangue actividades cooperativizadas para estudantes de educación secundaria obrigatoria e educación especial, e inclúe dous premios e dous accésits, tamén de 2.500 e 1.500 euros. A terceira modalidade corresponde a proxectos empresariais cooperativos, orientada a centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Nesta categoría concederase un premio de 4.500 euros e un accésit ao proxecto finalista por importe de 3.500 euros.
Premios á Cooperación
Pola súa parte, aos Premios á Cooperación poderán concorrer todas as cooperativas galegas que destaquen pola súa traxectoria ou iniciativas, que estean ao día das súas obrigas e que non fosen recoñecidas en edicións anteriores. Igual que en anos previos —como o último, no que participaron 15 cooperativas—, establécense tres modalidades:
- Valores cooperativos
- Mellor proxecto cooperativo novo
- Traxectoria cooperativa
Cada categoría está dotada con 5.000 euros.
O premio aos valores cooperativos distinguirá á entidade que máis sobresaia na promoción dos principios cooperativos, como a adhesión voluntaria e aberta, a xestión democrática, a equidade, a solidariedade, a transparencia, a formación ou o compromiso coa comunidade. Na modalidade de mellor cooperativa nova, recoñecerase unha entidade cunha antigüidade igual ou inferior a 42 meses, que destaque polas súas achegas sociais, económicas, culturais ou ambientais. O premio á traxectoria cooperativa diríxese a entidades con máis de 42 meses de actividade e valorará aspectos como a solidez dos resultados económicos, a creación de emprego, as accións de intercooperación ou a expansión territorial.
—
Fonte: Web da Rede Eusumo