Obituario | José Antonio Pérez González, «Tony»

Un agradecido adeus a Tony.

O pasado dez de outubro recibíamos con incredulidade a triste nova do pasamento de José Antonio Pérez González «Tony» e desde ESPAZOCOOP queremos expresar o noso pesar polo mesmo, nomeadamente aos seus familiares e ás persoas máis achegadas a el no ámbito profesional, e facerlles chegar o noso agradecemento polo seu labor e amizade no ámbito do movemento cooperativo galego.

Socio fundador da cooperativa de traballo ACR Asesores situada na cidade de Vigo desde 1997, desenvolveu o seu labor no ámbito de consultoría estratéxica e de xestión de proxectos empresariais, e entre eles no sector do cooperativismo e da economía social. Desde a súa cooperativa xogou un papel proactivo na profesionalización e consolidación das cooperativas galegas e do seu tecido asociativo, tanto facendo parte da Unión de Cooperativas EIXO como na Federación de Cooperativas SINERXIA, na que presidíu o Consello Reitor no período 2002-2006, aínda que a súa implicación co tecido asociativo cooperativo chegou até 2015 através de UGACOTA, e ata o período previo á fusión das asociacións e a creación de EspazoCoop.

Contribuíu á mellora do papel representativo da Federación por exemplo na interlocución coa Xunta de Galicia e co tecido do asociacionismo cooperativo galego (UGACOTA e AGACA-) e do norte de Portugal, que favoreceu procesos como a elaboración do Libro Branco (2004), o Plan Estratéxico do Cooperativismo Galego (2005-2010) e o desenvolvemento de varios proxectos europeos para a consolidación das cooperativas galegas, como foron o Nexus Rede e o Desqoop, este último con varias asociacións e cooperativas do Norte de Portugal. Tamén axudou a impulsar programas de difusión do cooperativismo nos concellos galegos, a dar soporte na dinamización do tecido comunitario para a promoción e intercooperación das cooperativas de consumo, ademáis de traballar para mellorar o coñecemento da realidade dos procesos de emprendemento das cooperativas de traballo galegas.

Seguro que atrás quedan máis fitos por citar… Recordaremos a súa rigurosidade e exixencia no desenvolvemento das súas responsabilidades profesionais, aínda que tamén a súa faceta máis afábel e cercana, a súa grande afección pola moto, e o gusto por cultivar a amizade e as relacións, que tivemos a oportunidade de coñecer.

Lembrando unhas palabras súas na inauguración da 1ª xornada do cooperativismo galego-portugués en 2003 : «cal é o único tratamento para afrontar as doenzas do cooperativismo galego? A Cooperación».

Moitas grazas e até sempre, Tony !