Na mañá de onte celebrouse un almorzo-coloquio no que a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou as novas liñas estratéxicas do seu departamento para esta lexislatura. Ugacota, como entidade representativa no eido da economía social, participou neste evento.

Ao longo da mañá, a Conselleira debullou as diferentes accións a acometer, nomeadamente o novo modelo social baseado en catro carteiras de servizos para Dependencia, Maiores, Infancia e Inclusión.

Ademais, como unha das principais novidades no ámbito laboral, Mato anunciou que xa está traballando na redacción dun anteproxecto de Lei de economía social, que se elevará ao Parlamento ao longo do próximo ano. Deste xeito, Galicia converterase na primeira comunidade autónoma en contar cunha norma deste tipo.

O obxectivo deste texto será potenciar a presenza, crecemento, visibilidade e influencia da economía social; crear unha estrutura básica para a representatividade deste sector, como a creación dun órgano asesor que favorecerá a participación institucional da economía social. A Conselleira adiantou que proximamente serán convocadas as entidades representativas da Economía Social en Galicia, entre elas, Ugacota, para presentarlles o borrador do texto.

Fonte: http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/1438/xunta-implantara-novo-modelo-social-baseado-catro-carteiras-servizos-para-dependencia