EspazoCoop impulsa a creación de 18 novas cooperativas en Galicia co Programa +COOP
O programa de EspazoCoop suma 38 novas persoas cooperativistas en Galicia e reforza o tecido económico.
Tivo lugar na Estrada a xornada de presentación de resultados do programa +COOP da Unión de Cooperativas EspazoCoop, un proxecto consolidado como un piar fundamental para o impulso do cooperativismo e o autoemprego colectivo en Galicia. O encontro, celebrado na sede da cooperativa local Anacos Educativos S. Coop. Galega, serviu para facer balance do período correspondente dende novembro de 2025 a xuño de 2026, amosando un notable crecemento do modelo de economía social no territorio.
Durante este último período (2025-2026), o programa +COOP facilitou a constitución de 18 novas cooperativas en Galicia (13 creadas no que vai de ano 2026 e 6 formalizadas entre novembro e decembro de 2025). Estas novas empresas achegan un total de 38 persoas socias ao mercado laboral, das cales 24 son mulleres e 14 son homes, reflectindo unha forte presenza e liderado feminino. En canto á súa tipoloxía, destaca que a totalidade son de traballo asociado (incluíndo unha de carácter xuvenil).
A distribución territorial destas 18 novas cooperativas corrobora o alcance autonómico do programa, localizándose 10 na provincia de Pontevedra, 7 na da Coruña e 1 na de Ourense. Así mesmo, o balance amosa que o tecido emprendedor segue moi activo: o programa atendeu e asesorou a 15 grupos promotores que integran a 33 persoas (23 mulleres e 10 homes), o que eleva a cifra global de beneficiarios directos desta edición a 71 persoas (47 mulleres e 24 homes) involucradas en iniciativas de economía social.
A sesión de clausura da xornada correu a cargo de Lucía Seoane Rosende, Concelleira de Cultura, Lingua, Xuventude, Emprego e apoio ó Rural do Concello de A Estrada, quen estivo acompañada por Lucía Mendoza, Directora Xerente de EspazoCoop, quen quixo salientar o valor engadido da personalización técnica: «Os servizos e procesos de atención a usuarias que realizamos desde a Unión son reflexivos e participados. Deseñamos un itinerario a medida que acompaña aos proxectos antes, durante e despois da súa constitución formal, adaptándonos tanto en modalidade presencial coma telemática ás necesidades reais de cada grupo técnico.»
Unha traxectoria de éxito e impacto continuo desde 2022
No marco do evento presentouse tamén un vídeo institucional do Programa +COOP onde se fixo balance da traxectoria sostida do programa. Desde o ano 2022, EspazoCoop acompañou a un total de 55 grupos de emprendemento, o que deu como froito directo o nacemento de 43 novas cooperativas en Galicia. Este esforzo supuxo un investimento medio dunhas 1.400 horas de dedicación técnica e especializada a estes proxectos por parte dos profesionais da Unión, consolidando a EspazoCoop como a entidade de referencia en Galicia para a dinamización da economía social.
Sobre o Programa +COOP
+COOP é unha iniciativa gratuíta orientada a asesorar, titorizar e acompañar a grupos de persoas que promoven empresas cooperativas, prioritariamente de traballo asociado, incidindo en ámbitos de economías emerxentes. O programa facilita orientación, plans de empresa, elaboración de estatutos, procura de financiamento e tramitación de axudas públicas.
Esta iniciativa conta co apoio e enmárcase no Programa 2025-2026 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración para o fomento do cooperativismo impulsada pola Xunta de Galicia (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración) co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Governo de España; así como no programa EFESO (EspazoCoop Emprende), cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a través do organismo intermedio CEPES.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas EspazoCoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.
Deja tu comentario