EspazoCoop lidera a participación galega na construción da Axenda de Economía Social na Cultura
A Unión, xunto a unha destacada representación das súas cooperativas socias do ámbito cultural, participou na Coruña no último laboratorio presencial do proceso participativo impulsado polos Ministerios de Cultura e de Traballo.
Dando continuidade á folla de ruta iniciada o pasado mes de abril en Madrid, onde EspazoCoop participou como entidade promotora na mesa ministerial, a Unión deu un novo paso no desenvolvemento da Axenda de Economía Social na Cultura. Co obxectivo de trasladar as realidades e necesidades específicas do cooperativismo cultural galego ao marco estatal, unha delegación da Unión participou no LAB1: Laboratorio de ideación e deseño de propostas, celebrado no espazo NORMAL da Universidade da Coruña (UDC).
Esta xornada pechou a quenda de encontros presenciais desta primeira fase de diagnose, consolidando o papel activo de EspazoCoop no deseño colaborativo das medidas de apoio específicas para o sector.
Representación institucional e sectorial
A Unión asistiu ao encontro cunha delegación conformada por membros da súa dirección, do Consello Reitor e da sectorial de cultura. Co obxectivo de asegurar unha voz plural, diversa e representativa do tecido cultural galego, EspazoCoop estivo acompañada por representantes de varias das súas cooperativas socias:
- Azul máis Verde S. Coop. Galega
- Performa S. Coop. Galega
- Tako Group S. Coop. Galega
- O Cable Inglés S. Coop. Galega
- 7h Cooperativa Cultural S. Coop. Galega
- A Aira Vella, S. Coop. Galega
Achegas desde a experiencia real do cooperativismo galego
Durante o laboratorio, que contou coa dinamización do equipo de Zuloark por encargo do Ministerio, o traballo centrouse en traducir a experiencia práctica das entidades en propostas normativas e de fomento concretas.
A xornada estruturouse en dous bloques: un primeiro espazo de debate centrado na diagnose colectiva, os factores de mellora e a sustentabilidade das redes culturais; e unha segunda parte dedicada ao traballo en grupo. Neste bloque produtivo identificáronse as principais barreiras actuais e deseñáronse os cambios habilitadores que o cooperativismo cultural require para garantir o seu desenvolvemento a curto, medio e longo prazo.
Próximos pasos do proceso
O camiño para a definición da Axenda continuará nas vindeiras semanas. Unha vez sistematizadas as achegas deste encontro e dos celebrados en Madrid e Barcelona, o proceso avanzará cara á Fase 2 (Laboratorio de concreción e redacción de medidas) o vindeiro 15 de xullo mediante unha sesión de traballo en liña, á que seguirá unha fase de contraste en setembro previa á presentación pública do documento definitivo.
Desde EspazoCoop seguiremos participando activamente en cada un destes espazos para asegurar que a Axenda final reflicta de xeito efectivo as demandas do sector e se traduza en melloras estratéxicas e estruturais para as nosas cooperativas.

Deja tu comentario