Tres socias de EspazoCoop, protagonistas nos Premios do Día do Cooperativismo 2026

 

 

O pasado sábado 4 de xullo celebramos o Día do Cooperativismo Galego, unha xornada para poñer en valor o noso modelo económico e a súa contribución a unha economía máis sustentable e igualitaria. No marco deste acto oficial, entregáronse os Premios á Cooperación e o Certame Cooperativismo no Ensino 2026, onde tres entidades socias da nosa Unión resultaron galardoadas polo seu traballo, traxectoria e proxectos.

Fablamos con elas para que nos conten que significan estes recoñecementos e como viven o cooperativismo no seu día a día.

Algalia: trinta anos de coherencia e fidelidade aos valores

Algalia, S. Coop. Galega recibiu un recoñecemento moi especial polos seus 30 anos de traxectoria: o Premio aos valores cooperativos. A cooperativa leva tres décadas centrada en impulsar a transformación social a través dun proxecto onde as persoas que o forman atopan un retorno tanto persoal como de equipo, máis alá do económico. O seu labor principal é acompañar, desde o coñecemento na xestión, a outras organizacións da economía social para que sostibilicen os seus proxectos sen perder o seu propósito inicial.

Para Algalia, que o premio sexa precisamente aos valores ten un significado moi profundo:

«Para nós ten un valor especial porque non premia unha cifra de facturación nin un crecemento, senón algo máis difícil de medir: a coherencia mantida durante trinta anos entre o que dicimos e o que facemos. Chega ademais nun momento de madurez, cando xa levamos moito camiño andado, e iso convérteo case nun peche de etapa e, á vez, nun punto de partida, nun compromiso renovado neses valores que nos trouxeron ata aquí».

No seu funcionamento interno, destacan que a democracia e a corresponsabilidade están presentes en todas as decisións. Cara fóra, relaciónanse coa contorna a través da solidariedade, a equidade e a autoresponsabilidade: «Traballamos con entidades que transforman a sociedade e coidan das persoas que máis o necesitan, e diso aprendemos tanto ou máis do que aportamos». Ademais, lembran que tecer alianzas e pertencer a EspazoCoop foi e segue sendo clave para medrar.

Trinta anos despois, teñen claro que o modelo cooperativo non é unha moda, senón unha ferramenta de futuro: «A día de hoxe o modelo cooperativo segue sendo unha alternativa á busca de solucións colectivas a problemas da sociedade. O grupo promotor de Algalia buscou unha solución colectiva a un problema de calidade de emprego. Ao longo destes anos estivemos asesorando a centos de entidades que tamén buscaron solucións colectivas aos problemas de benestar. Seguimos crendo nesta forma de abordar os retos de cada momento».

 

Larega: a consultoría social que nace desde o territorio

Pola súa banda, Larega, S. Coop. Galega foi galardoada co Premio ao mellor proxecto cooperativo novo. Esta cooperativa, especializada en economía social, desenvolvemento local, innovación e consultoría social, naceu mentres o seu equipo remataba os estudos universitarios, a raíz dun Traballo Fin de Máster sobre Plans Locais de Economía Social en Galicia. Daquela viron que había unha oportunidade e unha necesidade: faltaban metodoloxías, acompañamento especializado e unha consultoría máis próxima ás persoas e aos territorios.

O propio nome da cooperativa resume á perfección a súa maneira de entender o traballo:

«É unha variante dialectal de lareira, ese espazo onde a xente se reúne, conversa, comparte ideas e constrúe solucións en comun. Esa é tamén a filosofía coa que desenvolvemos cada proxecto: crear espazos onde todas as voces conten, onde o coñecemento se constrúa colectivamente e onde as políticas públicas nazan desde o territorio e para o territorio».

Para Larega, a cooperativa non foi unha simple decisión xurídica, senón un acto de coherencia: «Non tiña sentido falar de economía social sen construír o noso propio proxecto desde os seus mesmos principios». Esta fórmula permítelles tomar decisións de xeito democrático, situar ás persoas no centro e vivir a intercooperación como unha práctica diaria cos seus clientes e co sector.

Recibir este premio outorgado polo Consello Galego de Cooperativas e a Xunta de Galicia dálles moito impulso e axuda a lanzar unha mensaxe á mocidade: «Que é posible emprender doutro xeito. Que se pode crear unha empresa baseada na cooperación, no compromiso co territorio e no impacto social sen renunciar á profesionalidade nin á innovación».

De cara ao futuro, o seu reto é consolidar Larega como un axente de referencia e potenciar unha liña de consultoría social para afrontar desafíos como a inclusión, a igualdade, o envellecemento ou a cohesión territorial, unindo o coñecemento académico coas necesidades reais da cidadanía. E teñen moi claro como facelo: «As mellores ideas non nacen nos despachos; nacen cando as persoas sentan arredor dunha mesa, escoitan, colaboran e constrúen solucións xuntas. Iso é, precisamente, o que significa Larega».

CPR Plurilingüe Abrente: educación e valores cooperativos desde a infancia

O relevo xeracional e o futuro do movemento tamén tiveron protagonismo neste día. O CPR Plurilingüe Abrente (Adigna S. Coop. Galega), de Sanxenxo, foi recoñecido cun accésit na Categoría D (5º e 6º de Educación Primaria) de Actividades artísticas no Certame Cooperativismo no Ensino 2026.

 

O centro educativo foi galardoado polo seu proxecto “Sementando novas voces”, un traballo que destaca por introducir os principios e valores da economía social directamente nas aulas de xeito creativo, achegando a cultura asociativa e o espírito de colaboración ao alumnado desde idades temperás.

Desde EspazoCoop queremos dar os nosos máis sinceros parabéns a Algalia, Larega e ao CPR Abrente. Estes recoñecementos demostran o dinamismo, o bo facer e o compromiso real co contorno das cooperativas que forman parte da nosa Unión.