Tres socias de EspazoCoop, recoñecidas nos Premios do Día do Cooperativismo Galego 2026
Larega, S. Coop. Galega, Algalia, S. Coop. Galega e o CPR Plurilingüe Abrente (Adigna S. Coop. Galega) serán recoñecidas nos Premios á Cooperación e no Certame Cooperativismo no Ensino 2026, que se entregarán este sábado 4 de xullo na celebración polo Día do Cooperativismo Galego.
O sábado 4 de xullo terá lugar a celebración do Día do Cooperativismo Galego, unha xornada institucional que conmemora os valores deste modelo económico e pon en valor a súa contribución a unha economía sustentable e igualitaria na nosa comunidade. No marco deste acto oficial, procederase á entrega dos Premios á Cooperación e do Certame Cooperativismo no Ensino 2026, onde tres entidades socias da Unión EspazoCoop resultaron galardoadas.
Os Premios á Cooperación 2026 recoñeceron o traballo de dúas cooperativas integradas na Unión: Larega, S. Coop. Galega, que recibirá o Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, e Algalia, S. Coop. Galega, distinguida co Premio aos valores cooperativos. Ambas as dúas entidades son un exemplo do dinamismo, o compromiso social e a capacidade de intercooperación do sector en Galicia.
Do mesmo xeito, no Certame Cooperativismo no Ensino 2026, dirixido a difundir a cultura asociativa entre o alumnado, o CPR Plurilingüe Abrente (Adigna S. Coop. Galega) foi distinguido cun Accésit na Categoría D (5º e 6º de Educación Primaria) de Actividades artísticas polo seu proxecto «Sementando novas voces», que premia a introdución dos principios da economía social nas aulas.
Deja tu comentario