COÑECENDO A:

Outonía S. Coop. Galega

Un espazo para dar voz ás cooperativas socias de EspazoCoop, compartindo as súas experiencias, boas prácticas e o seu impacto no tecido económico e social.

Outonía: facer cooperativa desde as raíces do rural

«O rural está vivo e en transformación. Nós acompañamos os procesos que xa están a acontecer»

Cinco anos despois de nacer desde a necesidade e o soño, Outonía consolídase como unha das cooperativas de traballo asociado máis singulares da economía social galega. Sen sede nun despacho, senón nos camiños e nas prazas das montañas de Lugo e Ourense, este colectivo de educadoras e educadores sociais leva media década activando procesos culturais comunitarios alí onde outros só víron baleiro demográfico.

De onde vén Outonía e cara onde vai

Tania Sánchez e Araceli Macías, socias fundadoras, xunto a Branca Albán e Pablo Barrio —e coa incorporación recente de Alba Fariña no acompañamento a grupos—, conforman hoxe un equipo que non entende a cooperativa como un modelo de xestión, senón como un xeito de habitar o mundo. A idea fundacional foi, ao tempo, pragmática e política: xerar arraigo nos territorios que desexaban habitar e facelo desde un modelo de autoemprego que dignificase a profesión da educación social.

Ao longo destes anos, a actividade foi mutar e ampliarse. Se no comezo o marco era claramente o da educación social e a pedagoxía directa, hoxe Outonía define a súa práctica arredor de tres eixos —Cultura, Memoria e Escola— que funcionan de forma transversal e que integran procesos de participación, mediación e patrimonio comunitario. Non como compartimentos estancos, senón como un organismo vivo que se adapta ao que cada territorio precisa.

O modelo cooperativo como ferramenta de transformación

«Integrar este xeito de cooperar ofreceunos un espazo para problematizar arredor da horizontalidade e dos procesos colectivos»

Outonía describe o seu modelo como «atípico» dentro do cooperativismo de traballo asociado. Non existe unha división ríxida de servizos nin cadaquén funciona como unidade independente: os procesos ábrense en conxunto, valóranse colectivamente as estratexias de intervención e as aprendizaxes son compartidas. A horizontalidade non é un valor de cara á galería, senón un exercicio diario que tamén ten as súas tensións.

A flexibilidade da xornada, a rotación de responsabilidades e a ausencia de ánimo de lucro permítenlles redirixir recursos cara os procesos internos e o coidado do equipo. Un modelo que, segundo describen, procura sosterse sen sacrificar o benestar das persoas que o conforman.

O «selo Outonía»: procesos feitos a man

Se houbese que identificar o que diferencia a esta cooperativa doutras entidades que traballan no rural, o propio equipo apuntaría a catro trazos:

  • Procesos feitos a man. Cada intervención deséñase desde cero, adaptada ao contexto e á realidade concreta do territorio que acompañan.
  • Lectura integral do rural. Non como espazo sobre o que actuar, senón como lugar de posibilidade, con lóxicas e tempos propios que cómpre entender desde dentro.
  • Canle entre procesos e persoas. Conectar o que existe, activar o que dorme e promover a horizontalidade como punto de partida.
  • Activar as ruínas. Xerar procesos participativos alí onde outros consideraron que «non había nada»: zonas rurais do interior catalogadas como desertos demográficos.

Participación que transforma: non «estar», senón ser suxeito

Outonía ten unha posición clara sobre o que significa promover a participación social. Non se trata de conseguir que a xente asista a un obradoiro ou acuda a unha asemblea. O obxectivo é que cada persoa se recoñeza como capaz de incidir, decidir e construír colectivamente. Ese proceso, sosteñen, é o que xera tecido comunitario real: vínculos, novas formas de coidado e corresponsabilidade.

Desde ese enfoque, cuestionan a idea de que a activación veña sempre de fóra. Para que a transformación sexa real, ten que ser experimentada como propia. E iso require tempo, presenza e metodoloxías que non sexan alleas á idiosincrasia dos lugares.

 

 

 

 

 

 

Sobre o rural galego: esperanza activa, non nostalxia

«No discurso do colapso, a esperanza é o único motor posible»

O equipo de Outonía non escapa ás tensións que atravesan o rural galego: despoboamento, envellecemento, perda de servizos, extractivismo. Pero rexeitan con forza a narrativa do rural como territorio morto. Desde a súa experiencia no día a día, o que ven é outra cousa: comunidades que se organizan, proxectos de retorno, redes de apoio veciñal, procesos que amosan que o rural está vivo e en transformación.

A esperanza que defenden non é inxenua. É activa. Non algo que se agarda, senón algo que se constrúe implicándose. E o papel que se asignan nese proceso é concreto: acompañar e fortalecer o que xa está a acontecer, recoñecendo os saberes locais e creando condicións para que as persoas poidan desenvolver os seus proxectos de vida con dignidade.

Intercooperación: Outonía non sería sen as que a rodean

A pertenza a EspazoCoop e as alianzas con entidades como As Atalaias, Rexenerando ou Feitoría Verde non son para Outonía simples selos de pertenza. Son parte constitutiva do que son. Desde o convencemento de que colectivizar é a única forma de aprender en profundidade, describen estas colaboracións como espazos onde observar os procesos desde ángulos diferentes, facerse novas preguntas e soñar de forma compartida.

A intercooperación, nese sentido, non é só estratexia: é coherencia co que predican.

Proxectos en marcha

Entre as iniciativas que ocupan a Outonía neste 2026, destacan tres:

My Rural Mentor (MRM), proxecto europeo Erasmus+ centrado no desenvolvemento de mentorías sociais con mocidade vulnerable en áreas rurais, concretamente na Comarca de Valdeorras, en tandem coa entidade Igaxes.

Rede Planea – Arte e Escola, un proceso de mediación artística e cultural no CEIP de Barouta (Ames), arredor da escoita, o ruído e os sons, iniciado en marzo de 2026 xunto ao artista Xoan Xil.

Laboratorio Mutante, a área máis ampla da cooperativa, que acolle proxectos como Paisaxes Candentes —en colaboración con AGADIC e o Ministerio de Cultura, explorando o territorio desde as artes e a memoria en zonas como Viana do Bolo, Vilariño de Conso, O Bolo e Manzaneda— e o Campo de Voluntariado Territorio Sonoro, en O Incio, previsto para xullo.

Outonía é socia de EspazoCoop, Unión de Cooperativas de Traballo Asociado de Galicia.