Presentámosvos o CAMIÑO ESS

 

 

Queres facer parte deste proxecto de turismo responsable?

REAS Galicia está traballando no proxecto de turismo responsable CAMIÑO ESS e convida ás cooperativas socias de EspazoCoop a facer parte desta iniciativa. O proxecto vén de ser aprobado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo con fondos Next Generation, e con el búscase contribuír ao desenvolvemento dun turismo máis sostible e responsable que poña no centro as persoas xerando impactos positivos no ámbito social, económico e ambiental nos territorios. Para iso deseñarase e porase en marcha un novo produto turístico (unha nova proposta turística) formada por iniciativas e entidades da ECONOMÍA SOCIAL E SOLIDARIA (ESS).

«El Camino ESS» será executado en cinco territorios por diversas organizacións: REAS Galicia, «L´Olivera» (Cataluña), Reas Aragón, «El Colletero» (A Rioxa), e «Centro de Desarrollo Rural Carrión de los Condes» (Castela e León).

Trátase dun proceso colectivo onde entre todas construiremos e definiremos este novo produto turístico. Neste intre estamos na fase de identificación de posibles iniciativas que queiran formar parte como beneficiarias directas, aliadas ou colaboradoras.

Polo que, se xa te desenvolves no ámbito do turismo, pensas que podes ofrecer algún servizo turístico ou experiencia que se poida visitar, ou simplemente estás interesada na temática, animámoste a seguir lendo e a cubrir o FORMULARIO.

 

O proxecto «El Camino ESS»

Trátase dunha proposta turística alternativa a través de experiencias sostibles e responsables en Galicia, Castela e León, Aragón, A Rioxa e Cataluña. Un camiño formado por proxectos e iniciativas relacionadas coa Economía Social e Solidaria, que xeran un impacto positivo no territorio, e que agora poden ser tamén unha experiencia turística dentro do CAMIÑO ESS.

E por que apostamos por este proxecto?

A través do Camiño ESS queremos ofrecer experiencias turísticas inmersivas que aposten por un turismo sostible e responsable, onde o centro son e serán sempre as persoas.
Con esta alternativa turística queremos:
– Xerar alianzas entre as iniciativas e proxectos, e impulsar unha rede de turismo alternativo e que se sosteña no tempo.
– Potenciar a Economía Social e Solidaria a través de darlle visibilidade no sector turístico.

Como o imos facer?

Desde, por e para os territorios!

Queremos construír redes sólidas onde a prioridade sexa o coidado das persoas e as comunidades, por iso somos as propias entidades de Economía Social e Solidaria as que creamos o camiño e acompañamos de forma directa ás experiencias que forman parte.

E todo isto, para?

O obxectivo final é xerar unha contorna dixital e material promocional co que coñecer, planear e contratar diferentes experiencias dentro dun percorrido. Proxectos culturais locais, ambientais, cooperativas de desenvolvemento, de creación artesá e moitas máis iniciativas vinculadas ao turismo social e solidario. Ollo! Por suposto, o Camiño ESS crease dende unha produción e consumo responsable que sensibilice ao visitante e á vez repercuta de forma positiva na comunidade a nivel económico, social e ambiental.

En definitiva, tamén queremos dar visibilidade aos proxectos de #economíasolidaria de Galicia e ofrecer formación e asesoramento ás iniciativas para construír xuntas un turismo alternativo. E querémolo facer contigo.

Páxina web de Camiño ESS: web

Contacto: REAS GALICIA – CAMIÑO ESS –  galicia@elcaminoess.com