Agaca e EspazoCoop presentan a segunda edición de ES-Mentoring que ofrece 40 mentorías gratuítas a empresas de economía social
- ES-Mentoring aspira a consolidar unha rede de persoas mentoras especializadas no ámbito da economía social e ofrece mentorías a 40 entidades do sector, sen custo.
- Para solicitar unha mentoría ou postularse como persoa mentora, é necesario consultar a web www.es-mentoring.gal.
- A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias – AGACA e a Unión de Cooperativas ESPAZOCOOP desenvolven ES-Mentoring coa colaboración da Xunta de Galicia.
Santiago, 18 de xullo de 2023. O programa ES-Mentoring Acompañando á Economía Social presentou hoxe a súa segunda convocatoria nun acto en Santiago. Es-Mentoring diríxese a empresas da economía social que teñen unha necesidade específica ou que están nun momento de crise, proceso de cambio ou innovación e están interesadas en recibir orientación ou asesoramento por parte de persoas expertas en economía social que poidan ter pasado por situacións similares.
Es-Mentoring comezou en 2022 e logrou unha rede de 55 persoas mentoras que atenderon 20 mentorías. Nesta convocatoria ofrece 40 mentorías, sen custo para as entidades que as soliciten, e aspira a consolidar e aumentar a rede de mentoras, quen ademais, obterán formación previa para mellorar a súa capacitación en mentoría.
Toda a información para acceder a o programa, tanto para mentoras como para mentorizadas, pode atoparse en www.es-mentoring.gal.
Durante o acto de presentación contouse con relatorios centrados na xestión de entidades de economía social. Así, Jacobo García-Durán, experto en emprendemento e creación de empresas, centrouse nas obrigas de dirixentes das empresas da economía social: «A innovación ten que formar parte do ADN das compañías, gústelles ou non».
Rafael Vázquez, da Fundación Ronsel, dirixiuse ás persoas mentoras: «O 80% da mentoría é a experiencia que tedes e o 20% a metodoloxía».
Pola súa banda, Gerardo Estévez, de Elige Plus Consultores, afirmou que un dos piares da sostibilidade é a creación de valor de modo eficiente e con risco controlado. Para logralo, avogou pola incorporación da tecnoloxía en procesos internos e tamén na relación cos 4 grupos de interse: a clientela, os provedores, persoas socias e traballadoras e poboación.
Finalmente tivo lugar unha mesa redonda onde se expuxeron dificultades prácticas na mentorización nas empresas de economía social, na que, xunto con García-Durán, Vázquez e Estévez, interviñeron Isabel Fraga, presidenta da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia, e Raquel Alvite, xerente de Combina Social e C.E.E.
Entre as circunstancias que se expuxeron, destacouse que no caso das empresas de inserción, que traballan con persoas en situación de exclusión, e os centros especiais de emprego, que traballan con persoas con discapacidade, o proceso de mentoría pode chegar a ter que relacionarse máis coas persoas que coas entidades.
Desenvolven ES-Mentoring Acompañando á Economía Social a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias- AGACA e a Unión de Cooperativas ESPAZOCOOP, coa colaboración da Xunta de Galicia.
Así, o secretario de Apoio ao emprego, traballo autónomo e economía social, Pablo Fernández, declarou: « Dá gusto ver como pasamos da mentalidade antiga de ‘teño unha idea e non a comparto por se ma rouban’. Sodes o contrario con valores de compartir, colaborar, igualdade ou equidade ».
Por parte de ESPAZOCOOP, a súa presidenta, Ana Olveira, incidiu na necesidade de ES-Mentoring: «Temos un modo de tomar decisións, de traballar específico. Non podemos facer negocio nin empresa sen os nosos principios e, se as persoas mentoras non están impregnadas neles, non funciona».
En canto a AGACA, a presidenta da Asociación, Carmen Rodríguez, valorou a colaboración: “As administracións públicas e as diferentes partes interesadas debemos priorizar sistemas de apoio integrais e fomentar estruturas de colaboración do talento, como ES-Mentoring”.
Máis información:
-
Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias 981 58 47 83
-
Unión de Cooperativas Galega EspazoCoop 981 57 55 78