EspazoCoop participa no lanzamento de Murcia como Capital Española da Economía Social 2025

 

Murcia será ao longo deste ano a Capital da Economía Social, converténdose nun referente a nivel estatal e internacional baixo o lema “O capital son as persoas”. O acto de lanzamento celebrouse na Universidade de Murcia e reuniu a máis de 500 persoas, incluíndo representantes das administracións públicas e das principais entidades do sector. O acto inaugural contou coa asistencia da vicepresidenta segunda do Goberno de España e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz.

Unha delegación de EspazoCoop estivo presente nesta cita, reafirmando o seu compromiso coa promoción do cooperativismo e da Economía Social.

Ao longo de 2025, organizaranse máis de 150 eventos para dar visibilidade a este modelo económico que pon ás persoas no centro. Entre as actividades previstas destacan congresos, feiras, encontros internacionais e iniciativas dirixidas a impulsar o impacto social das empresas de Economía Social. Murcia tamén acollerá unha reunión do Grupo de Traballo Interinstitucional da ONU sobre Economía Social e Solidaria, reforzando a súa proxección global.

Desde EspazoCoop celebramos que a Economía Social continúe gañando recoñecemento e espazo, demostrando que é unha alternativa viable, sostible e comprometida co ben común. A nosa participación neste evento reforza o noso traballo por un modelo económico máis xusto, solidario e centrado nas persoas.

 

Unión do sector

Para celebrar ao grande este nomeamento as seis entidades da economía social murciana (Ucomur, Amusal, Fecoam, Ucoerm, Crysalia e Fecamur) uníronse para desenvolver un amplo programa de actividades durante todo o 2025 para poñer en valor a contribución socioeconómica deste modelo empresarial. Actos que contarán con presenza e proxección autonómica, nacional, europea e internacional, e coa participación de organizacións e empresas e o apoio das administracións local, rexional e estatal.

Por iso, durante os próximos meses desenvolveranse preto de 150 eventos que reunirán a institucións, empresas e expertos do sector, contando mesmo coa colaboración doutros municipios murcianos. Estes abarcarán desde feiras territoriais e estatais ata xornadas e congresos proxección internacional, como a celebración da Semana Europea da Economía Social e dos premios europeos de economía social, un foro de liderado feminino en economía social, así como un congreso iberoamericano do sector e mesmo unha carreira popular.

Tamén se realizarán as TaskForce de Nacións Unidas, un congreso ensino nacional, diversas propostas de CEPES, as asembleas de organizacións representativas (como, por exemplo, a de Social EconomyEurope) ou un debate sobre enerxía e reto demográfico, ao que asistirá a vicepresidenta terceira do Goberno de España e ministra do ramo, Sara Aagesen.