O cooperativismo galego presente no Congreso dos Deputados
Claudia Rodríguez, membro da executiva de COCETA e do Consello Reitor de EspazoCoop, participou no acto “As Cooperativas Constrúen un Mundo Mellor” con motivo do Ano Internacional das Cooperativas (2025) que se celebrou o pasado luns no Congreso dos Deputados.
As sete federacións estatais do Cooperativismo español celebraron o pasado luns o acto “As Cooperativas Constrúen un Mundo Mellor”, presidido por Francina Armengol, presidenta do Congreso dos Deputados. Neste evento, que tivo lugar na sala Clara Campoamor do Congreso, presentouse o manifesto do Cooperativismo español en preparación para o Ano Internacional das Cooperativas (2025), no que se reivindica o valor diferencial do modelo cooperativo para a sociedade e o seu papel como motor económico e social.
Entre as persoas participantes, Claudia Rodríguez, membro da executiva de COCETA e do Consello Reitor de EspazoCoop, tivo unha destacada intervención en representación do conxunto das cooperativas de traballo asociado. A súa participación subliñou o compromiso das cooperativas cos valores de sustentabilidade, equidade e desenvolvemento social que impulsa este modelo empresarial.
Rodríguez sinalou que o cooperativismo non só representa unha forma diferente de facer empresa, senón que é un modelo capaz de afrontar os retos contemporáneos, desde a inclusión social ata a sustentabilidade ambiental, achegando solucións concretas desde o local ata o global. «O cooperativismo é clave para construír unha sociedade máis xusta e equilibrada», destacou.
No evento fíxose énfase en que as cooperativas representan un 5,5% do PIB español e contan con 23.383 empresas que integran a case medio millón de persoas socias traballadoras e máis de 8,5 millóns de socios e socias. A través da súa presenza en sectores como o agroalimentario, consumo, educación, transporte e vivenda, as cooperativas xogan un papel esencial no benestar da sociedade e na promoción dun modelo económico máis xusto e sostible.
O acto contou ademais coa presenza de representantes da Alianza Cooperativa Internacional (ACI) e a Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES). O manifesto, lido pola presidenta de Mocidade da ACI, chama a promover e apoiar ás cooperativas como empresas sostibles e motor de desenvolvemento social, económico e ambiental, aliñadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
No marco do Ano Internacional das Cooperativas (2025), o movemento cooperativo español fai unha chamada a unirse na promoción e difusión do papel que estas empresas centradas nas persoas xogan na construción dun futuro máis sostible e equitativo. Para iso, sublíñase a necesidade de manter unha contorna xurídica e fiscal propicia que favoreza o seu crecemento e lles permita seguir respondendo ás necesidades da sociedade.