O presidente da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (COCETA), Juan Antonio Pedreño, foi reelixido presidente de Cepes, a entidade estatal que reúne a todas as empresas da economía social do Estado español.
Dentro deste sector empresarial -que segundo o Ministerio de Emprego e Seguridade Social achega a España o 10% do Produto Interior Bruto- as cooperativas de traballo son o seu piar destacado. Con preto de 17.000 cooperativas que dan emprego a unhas 210.000 persoas, teñen un volume de negocio de 30 mil millóns de euros anuais e manteñen un 75% dos empregos como indefinidos.
A Confederación Española de Empresas de Economía Social (CEPES) xunta as cooperativas de traballo, ensino, consumo, vivenda e transportes, as sociedades laborais, as fundacións, as confrarías de pescadores e as mutualidades.
«É unha ardua tarefa que estou moi orgulloso de levar a cabo -declarou Pedreño-. «Aínda queda moito traballo por facer para visibilizar un modo de facer empresa que prioriza a persoa por enriba do capital, e que é un exemplo a seguir para o resto da economía, sobre todo nestes momentos de crise, onde se fixo evidente que grazas á súa flexibilidade poden resistir cando outras fórmulas decaen».
Este é o segundo mandato consecutivo de Pedreño, nunha tarefa que comezou en 2008. Nestes catro anos conseguiu poñer en valor ao sector, e logrou un recoñecemento da economía social por parte das distintas forzas políticas no poder, como unha gran ferramenta valiosa para mellorar o mundo, manter os empregos e desenvolver a economía no seu conxunto.
«Fonte indiscutible de oportunidades»
Na Asemblea de CEPES, onde Pedreño foi re-elixido, destacou a presenza da Ministra de Empleo, Fátima Báñez, quen durante a súa intervención sinalou a aposta do Goberno de España pola economía social xa que «é fonte indiscutible de oportunidades e de creación de emprego estable e ademais contribúe a crear tecido social, tan necesario nestes tempos de dificultades,».
Neste sentido, puxo de manifesto que a destrución de emprego durante a crise foi seis puntos inferior nas cooperativas que no resto das empresas; e que no primeiro trimestre deste ano se incrementou o número de cooperativas por primeira vez dende mediados de 2007. Tamén quixo destacar o investimento de máis de 940 millóns de euros para a economía social, que se contempla nos Presupostos Xerais do Estado de 2012.
Juan Antonio Pedreño traballou toda a súa vida para o cooperativismo. Comezou a súa vida cooperativa fai máis 25 anos como profesor de Química e presidente da cooperativa Severo Ochoa de Murcia, e foise especializando no mundo empresarial cooperativo con masters na Universidade de Murcia e en Manchester, o berce do cooperativismo mundial. Actualmente, ademais de presidir CEPES e COCETA, preside a Unión de Cooperativas de Traballo da Rexión de Murcia (UCOMUR); é conselleiro do Grupo Terceiro do Consello Económico e Social Estatal, e do Consello de Fomento da Economía Social do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, entre outras cousas.