Entrevista a Fermoso Logopedia S. Coop. Galega

Como naceu Fermoso Logopedia e que necesidades detectastes no ámbito da logopedia para dar o paso de crear a vosa propia clínica?

Fermoso Logopedia naceu da inquietude compartida de Ana e Julia, creadoras do proxecto, despois de levar anos traballando xuntas e compartindo a mesma forma de entender a logopedia e a atención ás persoas. Esa experiencia conxunta fíxonos ver a importancia de crear un espazo propio onde poder exercer a profesión desde unha atención máis humana, próxima e personalizada.

Durante a nosa experiencia profesional detectamos que moitas familias precisaban non só intervención terapéutica, senón tamén acompañamento, escoita e unha coordinación real coa súa contorna.

A nosa forma de traballo está centrada na persoa e en todo o que inflúe no seu benestar e desenvolvemento. Para nós é fundamental dar espazo tamén ás familias, traballar desde a empatía, o respecto e a proximidade, e entender cada proceso de maneira individual, respectando os tempos e as necesidades de cada usuario.

No ámbito sanitario e asistencial, a confianza e o trato humano son fundamentais. Que achega o modelo cooperativo á forma de traballar con pacientes e familias?

O modelo cooperativo encaixa moi ben coa nosa maneira de traballar porque pon as persoas no centro, tanto a nivel interno como na relación con pacientes e familias. Permítenos construír un proxecto baseado na colaboración, a corresponsabilidade e os coidados, valores que tamén trasladamos ao día a día da clínica.

Cremos que cando o equipo traballa desde a horizontalidade, a comunicación e o compromiso compartido, iso repercute directamente na calidade da atención. As familias perciben unha contorna máis próxima, máis estable e máis implicada.

Que vos levou a apostar pola fórmula cooperativa fronte a outras opcións empresariais máis tradicionais?

Escollemos a fórmula cooperativa porque queriamos que o proxecto reflectise os nosos valores desde o inicio. Non buscabamos unicamente crear unha empresa, senón construír un espazo de traballo compartido, sostible e participativo.

A cooperativa permitíanos tomar decisións de maneira conxunta, repartir responsabilidades e medrar de forma coherente coa nosa visión profesional e persoal. Tamén nos parecía unha fórmula especialmente axeitada para un ámbito como o sanitario, onde o compoñente humano e social ten tanto peso.

Como foi o proceso de poñer en marcha o proxecto e que dificultades atopastes nos primeiros pasos?

Como ocorre en moitos proxectos emprendedores, o inicio estivo cheo de ilusión, pero tamén de incerteza. Tivemos que enfrontarnos a cuestións administrativas, legais e de xestión que moitas veces son alleas á nosa formación sanitaria.

Unha das principais dificultades foi compaxinar a parte asistencial con toda a organización do proxecto: trámites, planificación económica, procura de local, estrutura de traballo… Foi un proceso intenso, pero tamén moi enriquecedor, porque nos obrigou a aprender e a definir moi ben que tipo de proxecto queriamos construír.

Que significou para vós contar co apoio de EspazoCoop Emprende nesta etapa inicial do proxecto?

Contar co apoio de EspazoCoop, en especial de Teresa, foi moi importante para nós. Foi unha etapa na que tiñamos moitísimas dúbidas e precisabamos orientación. Axudounos a entender mellor o funcionamento da fórmula cooperativa e a sentirnos acompañadas durante o proceso. Máis alá do asesoramento técnico, valoramos moito a proximidade e a confianza que nos transmitiron tanto Teresa como os seus compañeiros. Sentimos que había un acompañamento real e adaptado ao noso proxecto.

De que maneira o asesoramento de EspazoCoop vos axudou a organizar aspectos como a xestión, os trámites ou a planificación da cooperativa?

O asesoramento permitiunos ordenar moitas ideas e dar estrutura ao proxecto. Axudáronnos con cuestións relacionadas coa constitución da cooperativa, os trámites administrativos, a organización interna e a planificación económica.

Tamén foi moi útil para entender mellor as nosas responsabilidades e para tomar decisións con máis seguridade. Cando vimos dun ámbito sanitario, dispoñer dese apoio especializado axudounos moitísimo.

A logopedia é un ámbito moi ligado ao benestar e á atención personalizada. Como se combina esa vocación social cun modelo empresarial sostible?

Para nós non son conceptos opostos. Cremos que un proxecto sanitario só pode ser sostible a longo prazo se coida tanto as persoas usuarias como o propio equipo profesional.

Intentamos atopar un equilibrio entre ofrecer unha atención de calidade, próxima e accesible, e construír unha estrutura de traballo estable e viable. Apostar por relacións de confianza, pola formación continua e por unha atención individualizada tamén forma parte da sostibilidade do proxecto.

Cal considerades que é o maior valor da economía social aplicada a un proxecto sanitario como o voso?

Probablemente, a posibilidade de poñer realmente as persoas no centro. A economía social achega unha forma de emprender máis humana, máis participativa e máis conectada coas necesidades reais da comunidade. Nun proxecto sanitario iso ten moito sentido, porque traballamos directamente co benestar das persoas. Poder facelo desde un modelo baseado na cooperación, na responsabilidade compartida e no compromiso social achega moito valor tanto ao equipo como ás familias.

Que consello lles dariades a outras persoas profesionais do ámbito sanitario ou asistencial que estean pensando en emprender a través da economía social?

Diriámoslles que non teñan medo a explorar modelos diferentes de emprendemento. A economía social permite crear proxectos sólidos e coherentes cos valores da nosa profesión. Tamén lles recomendariamos rodearse de persoas e entidades que poidan acompañar o proceso, pedir asesoramento e dedicar tempo a definir ben o proxecto desde o inicio. Emprender implica moitos retos, pero facelo desde unha rede de apoio e desde un modelo colaborativo fai o camiño moito máis enriquecedor.

Esta entrevista forma parte do proxecto EspazoCoop Emprende, un programa de acompañamento e impulso cooperativo promovido por EspazoCoop . A cooperativa Fermoso Logopedia é unha das entidades beneficiarias desta iniciativa. EspazoCoop Emprende conta con financiamento do Fondo Social Europeo Plus para o período 2021-2027, a través do organismo intermedio CEPES, no marco do Programa de Emprego, Formación, Educación e Economía Social (EFESO).