Día do Cooperativismo Galego 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración convida a asistir á celebración do Día do Cooperativismo Galego 2026 o sábado 4 de xullo ás 12 h. en Martín Codax S. Coop. Galega (Cambados), unha cita anual de encontro e recoñecemento ao labor das cooperativas que contribúen ao fortalecemento deste modelo empresarial en Galicia.
Coincidindo co Día Internacional das Cooperativas, a xornada estará marcada pola entrega dos Premios á Cooperación 2026 e do certame Cooperativismo no Ensino 2026, cos que se distinguen iniciativas, proxectos e traxectorias que destacan pola súa contribución ao desenvolvemento do cooperativismo galego e aos valores que o sustentan.
Baixo o lema «Cooperativas por un mundo en paz», esta edición reivindica a capacidade do cooperativismo para tender pontes entre persoas e comunidades, fortalecer a cohesión social e promover sociedades máis inclusivas e pacíficas, contribuíndo activamente á construción dun mundo mellor.
A celebración contará tamén cun momento especialmente significativo: a presentación oficial do Himno do Cooperativismo Galego, para o que contaremos coa participación da Banda Sinfónica de Galicia e do Coro Gaos.
O Día do Cooperativismo Galego constitúe unha ocasión moi especial para recoñecer o compromiso, a innovación e o impacto social das cooperativas galegas, así como para reforzar os lazos entre as entidades, institucións e persoas que forman parte deste fértil ecosistema empresarial.
Prégase confirmación de asistencia á maior brevidade posible, e antes do 26 de xuño, no correo: diadocooperativismo@xunta.gal, a través do formulario habilitado na web ou chamando ao teléfono 604 06 25 06, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.30 h.
Deja tu comentario