EspazoCoop súmase á Declaración contra o discurso do odio e a aporofobia de EAPN Galicia

O pasado mércores 17 de xuño EspazoCoop estivo presente no Museo do Pobo Galego para participar no acto de presentación da Declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e á aporofobia”, unha iniciativa impulsada por EAPN Galicia coa que nos comprometemos firmemente.

Como Unión de Cooperativas e parte activa da economía social e solidaria galega, sumamos a nosa voz á de máis de 160 entidades —entre organizacións do terceiro sector, colexios profesionais, universidades e sindicatos— para dicir basta á normalización dos prexuízos e á criminalización da pobreza. Nun escenario social cada vez máis polarizado, cremos que o cooperativismo ten que estar na primeira liña da defensa da dignidade humana e a igualdade.

O acto, que contou coa presenza da Valedora do Pobo de Galicia, serviu para reafirmar a responsabilidade colectiva que temos á hora de xerar espazos de convivencia normalizada e combater os discursos que atacan ás persoas máis vulnerables. Durante o encontro, compartiuse un emotivo momento de lembranza polas 118 vítimas de delitos e incidentes de odio rexistradas en Galicia no 2025, pechando a xornada cunha foto grupal que resume o compromiso de todas as organizacións presentes: ”Somos máis. Somos da maioría do respecto”.

Ao rematar, os asistentes puidemos compartir un espazo máis distendido e un almorzo con produtos de comercio xusto, reforzando a idea de que as alianzas e o traballo en rede son fundamentais para avanzar.

Para EspazoCoop, asinar e apoiar esta declaración non é un xesto simbólico illado, senón unha continuación dos valores que defendemos no noso día a día. Seguiremos traballando por e para unha sociedade galega máis xusta, inclusiva, tolerante e absolutamente libre de odio.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

 

Foto: web EAPN Galicia